Podemos decide o seu futuro facendo autocrítica do pasado

Arrancan esta quinta feira as votacións para elixir a próxima dirección de Podemos na Galiza. As persoas inscritas poderán optar até 14 de decembro entre a candidatura de Borja San Ramón ou o equipo de Gonzalo Busqué. Un e outro coincidirán o sábado 10 en Compostela para debater as súas propostas políticas.
Sesión de clausura da pasada asada asemblea cidadá de Podemos (Foto: Nós Diario).
photo_camera Sesión de clausura da pasada asada asemblea cidadá de Podemos (Foto: Nós Diario).

O Hotel Compostela da capital da Galiza acollerá o sábado 10 de decembro a IV Asemblea Cidadá Galega de Podemos. O encontro servirá para debater os relatorios políticos, organizativos e feministas presentados polas candidaturas de Borja San Ramón e Gonzalo Busqué. Os mesmos partillan unha análise crítica dos últimos anos da formación morada no país, particularmente após a perda da representación parlamentaria galega en 2020. Porén, discrepan á hora de analizar as causas.

A experiencia das confluencias

Tecer Galicia, a candidatura liderada por San Ramón e da que fai parte o actual secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, culpa dos resultados electorais de 2020 a que “os desencontros públicos foron unha constante no caso de En Marea”, provocando a “perda de confianza da cidadanía que se reflectiu ao non lograr representación no Parlamento da Galiza”.

Asemade, cuestiona as relacións cos seus parceiros nas confluencias, “moitas foron fraguadas no último momento, reducíndose a acordos electorais” e “careceron de continuidade institucional e militante”. Apuntan a que “as friccións non sempre tiveron que ver con discrepancias coas organizacións aliadas, senón que tamén foron frecuentes dentro de Podemos Galicia”.

Rexurdir Galicia, a proposta nucleada ao redor de Busqué, entende que por “diversas vicisitudes, ligadas fundamentalmente a loitas de poder ou a intereses de carácter persoal, non se puido visualizar unha ferramenta real de empoderamento cidadán na Galiza que faga honra ao seu ideario e que sexa unha resposta ás necesidades da xente, dando como consecuencia de todo iso a desaparición no Parlamento  ou na práctica totalidade dos concellos da nosa nación”.

As dúas candidaturas coinciden na importancia das eleccións locais e na necesidade do reforzo organizativo da formación. A este respecto, o relatorio de Tecer Galicia sinala que “neste novo ciclo político, a cita máis inmediata, e para a que urxe dispor de todas as nosas forzas, son as eleccións municipais”.

Pola súa parte, desde Rexurdir Galicia consideran que “para conseguir o obxectivo de recuperar este espazo de acción institucional Podemos Galicia e cada un de nós como militantes debemos envorcarnos na participación en movementos sociais”.

Relacións con Sumar

As relacións co espazo de Sumar, liderado por Yolanda Díaz, pairan neste proceso asembleario desde o primeiro momento. Mentres a candidatura de Busqué obvia calquera referencia a Díaz nos seus relatorios, o grupo de San Ramón define a ministra de Traballo como “a persoa que lidera o espazo político do que formamos parte” e considera que “Yolanda Díaz, pola súa imaxe de xestión e eficiencia, representa a mellor oportunidade para que Podemos volva formar parte dun Goberno no Estado”.

Comentarios