Gonzalo Busqué, candidato á secretaria xeral de Podemos Galicia: "A nosa candidatura é un acto de responsabilidade"

Gonzalo Busqué é o aspirante á secretaria xeral de Podemos pola candidatura Rexurdir Galicia. Vinculado desde a súa mocidade á esquerda social e política, é militante de Podemos desde a súa fundación. Aposta na renovación da formación morada para "construír unha casa común integradora e amábel".
A lista de Rexurdir Galicia está liderada por Gonzalo Busqué (Foto: Nós Diario).
photo_camera A lista de Rexurdir Galicia está liderada por Gonzalo Busqué (Foto: Nós Diario).

—Que  razóns o levan a presentar a súa candidatura á secretaría xeral de Podemos?

A desaparición do espazo que representa Podemos do Parlamento da Galiza foi o resultado da nula política levada a cabo pola anterior dirección con Antón Gómez Reino á cabeza, que nunca quixo asumir a súas responsabilidades políticas. No interno, o único que fixeron foi o contrario do que din que farán, a desaparición de círculos activos, polo cansancio e desencanto da militancia, o deixamento de funcións e a falla de actividade propia dun partido.

Cun secretario xeral desaparecido en Madrid pero que parece que seguirá tutelando ao antigo secretario de organización, quen se limitou  a vivir en Compostela sen xerar arraigamento nos círculos do territorio galego [o secretario de organización é Borja San Ramón, candidato á secretaría xeral de Podemos por Tecer Galicia, lista que e conta co apoio de Gómez Reino]. Non existen 65 círculos, é unha mentira, e iso é evidente simplemente analizando as primarias municipais, 28 círculos cun só candidato son un punto de información e nada máis. A nosa candidatura é un acto de responsabilidade militante.

—Cales son os aspectos centrais da súa proposta e que liñas de traballo considera prioritarias nos próximos anos? 

É imprescindíbel dotar os círculos das competencias e dos recursos suficientes para que o municipalismo poida ser a panca que dea lugar ao cambio transformador que necesita a nova Galiza que queremos construír.

O arraigamento territorial só pode alcanzarse desde o espazo que representan os círculos e por iso débeselles dotar do financiamento axeitado así como dunha formación continuada na acción municipal, converténdose desa maneira nos altofalantes dos veciños co resultado de que serán recoñecidos por eles como unha ferramenta útil. 

O municipalismo é a forma  participativa e transparente de dar voz e implicar directamente á veciñanza no labor de goberno a través do movemento asociativo, a creación de foros sectoriais ou grupos de traballo, permitindo así á  cidadanía formar parte da construción dunha nova realidade social que tamén vai ser económica e cultural. Ese será o noso obxectivo principal, construír organización a partir do municipio.

—A súa candidatura tense amosado crítica co papel xogado por Podemos na Galiza, cales son as diferenzas fundamentais coa actual dirección da formación e coa candidatura lanzada por Borja San Ramón?

Non hai diferenza ideolóxica aparente, aínda que non coñezo a posición política do compañeiro Borja, considero que é fundamental como facemos a política. Nós cremos que a renovación de Podemos na Galiza ten que vir da man da idea mesma de facer política. O continuísmo daquilo que levou á case desaparición de Podemos Galicia como espazo político non é negociábel. Sobre todo no referente á cuestión interna, queremos construír unha casa común integradora e amábel, na que todos nos sintamos cómodos.

—Un dos primeiros retos que debe enfrontar a nova dirección son as eleccións municipais.

Quen estivo en política sabe que non é o mesmo a política autonómica que a municipal. Somos da crenza de que as listas se fan nos concellos por xente que coñece a súa contorna e ten o municipalismo como horizonte para levar a cabo políticas enfocadas a que o cotián funcione. Sempre seremos moi respectuosos coas listas xa feitas e que cada círculo negocie ou pacte listas que unha vez máis, sirvan para frear políticas de dereita, que muden a evolución de concellos pequenos ou  teñan capacidade de aplicar melloras para a cidadanía.

A concorrencia ás eleccións estatais

Gonzalo Busqué non ten dúbidas sobre a formula de concorrencia para as vindeiras eleccións estatais de finais de 2023. Neste sentido, sinala: "Respectamos e aplaudimos o traballo de Yolanda Díaz como ministra. Non esquezamos que foi o noso partido quen a situou nese posto. A nosa posición a respecto de Sumar é clara, participaremos con entusiasmo só unha vez definido o seu proxecto e se Podemos ten o encaixe que se merece no mesmo como forza de cambio". Busqué alíñase con claridade coa dirección estatal de Podemos no seu pulso con Yolanda Díaz.

Neste sentido, afirma con rotundidade que "apoiamos de forma incondicional a postura da nosa dirección con Ione Belarra á fronte" e aposta en que se recoñeza Podemos como "forza maioritaria á esquerda do Partido Socialista" á hora 
de articular alianzas nese espazo.

Comentarios