sábado 25.01.2020
Juventino Trigo

"A moción de censura de Fene responde máis a intereses persoais que de partido"

Sábado, de mañá. Juventino Trigo vai ao concello a recoller papeis. É o día após unha moción de censura orquestrada polo PP e Somos Fene telo desprazado da Alcaldía. Un golpe tránsfuga que, denuncia, ten sido tolerado por unha resolución xudicial "irracional".

Juventino Trigo
Juventino Trigo

A conversa é por telefone. Juventino Trigo -alcalde de Fene polo BNG desde 2015 até a pasada sexta feira- está animoso. Non parece en absoluto noqueado. Todo o contrario. Pasa ao contragolpe e denuncia os intereses "persoais" de edís do PP e de Somos Fene, a marca coa que a Marea concorreu ás eleccións municipais de 2015 neste concello.

-Como definirías o teu estado de ánimo neste momento?

-Está moi ben. Recebín moitas mostras de ánimo e de cariño. Que veñen de toda a parte, non só do noso ámbito máis próximo. Xente doutros grupos, doutros partidos, de institucións, de asociacións veciñais... de toda esa xente recebemos moito apoio. Aínda o estabamos a comentar agora. A reacción da veciñanza foi tan xeneralizada que até nos sorprendeu un chisco. Por tanto, o ánimo está ben alto agora mesmo.

-O novo alcalde recolleu o bastón de mando entre apupos...

-Si, o novo alcalde penso que puido apreciar que o que estaba facendo non é o que lle pedían as veciñas e os veciños de Fene. E teño que dicer que o público estivo moi respeitoso. Se o comparamos co ambiente doutras mocións de censura, pois extraordinariamente respeitoso. Este alcalde que entrou agora, por exemplo, non foi capaz de gardar as formas en Mugardos. Aquí, non. Aquí o público foi moi cívico e só ao final houbo apupos, cando apañou o bastón de mando. E non só apupos, senón que a xente abandonou directamente o salón de plenos.

-Cal é o trasfondo desta moción?

-Os que teñen que dar explicacións son os que a promoveron. Aínda non o fixeron. Só aduciron vaguedades. Falsidades. Que se "o concello está paralisado". Unha mentira absoluta. Neste tempo o concello levou a cabo proxectos que acumulaban anos de parálise. Hai centos de miles de euros en investimentos en asuntos que levaban bloqueados moitísimo tempo. Estabamos traballando nunha RTP nova da que xa avanzaramos uns pequenos adiantos ao comité de empresa e á xunta de persoal. Fixemos tamén xestións perante outras administracións que van dar os seus froitos. 

BNG Fene mociónd e censura-Mais daquela que é o que perseguen con esta operación PP e Somos Fene? Dito rapidamente, a que intereses obedece a moción?

-Estamos convencidos de que obedece exclusivamente a intereses persoais. A intereses máis persoais do que de partido. Así de claro. Por parte de Somos Fene, xa todo o mundo sabe máis ou menos cales son as circunstancias dos seus dous concelleiros. Antes de romper o goberno tripartito [após as eleccións de 2015 en Fene formouse un goberno con BNG, SF e PSdeG], eles pediron unha dedicación exclusiva para un concelleiro. Iso non estaba no pacto de goberno, así que loxicamente desde a alcaldía nos negamos porque non o víamos razoábel. Son intereses exclusivamente persoais dos que eles terán que dar conta no seu momento. E por parte do PP o que temos aquí é unha cousa moi clara. Estamos a ver como se comporta o PP en Fene, na Galiza e en todo o estado. Desde roubar directamente cartos até falsificar títulos universitarios. Todo isto ten un trasfondo e é que en Fene existe unha investigación aberta por malversación de fondos que afecta un edil do PP [Andrés Serantes, concelleiro de Servizos no mandato 2011-15] e que tamén implica, por responsabilidade política, o daquela alcalde [Gumersindo Galego, o mesmo que recupera agora a alcaldía coa moción de censura]. E agora resulta que ese mesmo concelleiro está entrando no goberno [após prosperar a moción] e veremos que vai ocorrer.  Aquí ademais hai unha contradición e pode haber un conflito de intereses, entre o que lle interesa ao PP e os intereses do concello. Hai unha persoa que estivo sendo investigada por posíbel malversación de fondos públicos. Hai un recurso contra o sobresemento provisional da súa causa por parte do xuíz á espera de novas probas. Loxicamente esa persoa non vai a procurar as probas que o podan incriminar. Ese conflito entre o concelleiro e os intereses do concello para que se depuren todas as responsabilidades deste asunto é un motivo máis que suficiente para o PP lanzar esta moción de censura.

-E logo está o papel da xustiza na moción de censura...

-Só hai un xulgado do contencioso-administrativo en Ferrol e nós, como dixemos unha e mil veces, somos respeitosos -moito máis que o PP- coas sentenzas xudiciais. Mais desde logo non estamos en absoluto de acordo. Eu non son técnico na materia, pero todas as fontes xurídicas consultadas dinnos que a resolución da xuíza é irracional totalmente, está chea de contradicións, utiliza lexislación que está prescrita...

-Porque en virtude da lei antitransfuguismo...

-Si, si, a lei antitransfuguismo con esta sentenza directamente desaparece, como se non existise [a lei di que os concelleiros tránsfugas, neste caso os dous de Somos Fene, non están habilitados para participar nunha moción de censura]. A sentenza escandaliza a moitos profisionais da xustiza e mesmo os propios partidos políticos.

-E ao teu xuízo o asunto ten percorrido xudicial ou xa está definitivamente fechado?

-Si, si. Imos ver. Nós temos apresentado recursos perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Temos recorrido o auto en virtude do cal fomos obrigados a convocar o pleno da moción de censura esta sexta feira e tamén a resolución que no seu día restituíu os seus dereitos aos concelleiros non adscritos de Somos Fene. Isto afea aínda máis o que ocorreu esta sexta feira. PP e Somos Fene poñen en marcha a moción sen que a sentenza da xuíza sexa firme. É executábel, mais non é firme. Tanto lles ten. Se dentro de 8 ou 10 meses hai unha sentenza do TSXG que diga que non é correcto o auto por meio do cal a xuíza obrigou a facer este pleno, pois vaia panorama... O único que teríamos sería nese momento a satisfacción moral, pero sería imposíbel resarcir o dano causado.

-Poderíades ter suspendido o pleno esta sexta feira como en outubro pasado desde a mesa de idade do concello?

-Por suposto que si. Había documentos contra a moción de Participación Democrática Directa [o partido instrumental co que se apresentou Somos Fene ás municipais, que acabou por expulsar os concelleiros ao prever que pactarían co PP], mesmo algún informe da secretaría que dubidaba até certo ponto da sentenza. Mais preferimos non voltar a suspender o pleno para non abocar o concello a un conflito permanente. É un acto de responsabilidade. Alguén ten que pór cordura nisto. Coa oposición [agora goberno] non se pode contar. Só pensan nos seus intereses. Eles pensan en que hai que paralizar isto [o goberno do BNG-EU] como sexa e en que hai que paralizar calquera tipo de investigación.

-Visto o visto, arrepénteste de no seu día ter roto o goberno tripartito [o que o BNG formaba con PSdeG e Somos Fene]?

-Non, por suposto que non. Hoxe aínda me reafirmo máis en que foi a decisión correcta. Nós non podíamos aturar unha chantaxe diaria. E nós preferimos perder unha alcaldía a traballar tendo que tragar con cousas que van contra os intereses dos veciños e do concello.

Nota: a imaxe que acompaña o texto é dunha conferencia de imprensa dada por Trigo na compaña do responsábel de Organización do BNG, Bieito Lobeira.

comentarios