A moción de censura contra o alcalde de Sada decorrerá o vindeiro 18 de novembro

PP, PSdeG e Alternativa dos Veciños seguirán adiante coa moción a pesar da desautorización das direccións das tres formacións.
O alcalde de Sada, Benito Portela, no xuízo polos bens de Meirás. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Sada, Benito Portela, no xuízo polos bens de Meirás. (Foto: Europa Press)

O pleno da moción de censura contra o alcalde de Sada, Benito Portela, decorrerá o 18 de novembro, segundo informaron fontes municipais consultadas por Europa Press. O rexedor de Sadamaioría enfróntase a unha moción presentada por PP, PSdeG e Alternativa dos Veciños.

Finalmente, as tres formacións impulsoras seguirán adiante co intento de retirar o bastón de mando a Portela a seis meses das eleccións municipais. Fano a pesar das advertencias dos seus respectivos partidos, que desautorizaron o movemento e pediron explicacións aos concelleiros implicados na moción de censura.

Neste sentido, a dirección do PSdeG anunciou medidas disciplinarias contra os edís que a asinen. Entre esas medidas, non se descarta unha expulsión da formación socialista.

Os impulsores da moción teñen maioría ao contar co apoio dos edís de Alternativa, que formaron no seu día o tripartito de Sada xunto aos catro edís de Sadamaioría e os dous do BNG. Nos últimos plenos, a portavoz de Alternativa dos Veciños, María Nogareda, pedira explicitamente a PP e PSOE a que se atrevesen a presentar a moción de censura contra Portela.

Reaccións de Sadamaioría e BNG

Sobre a moción de censura presentada, o rexedor sadense asegurou que os concelleiros das tres formacións “actúan con intereses personalistas”. "Sada non merece unha operación que non ten máis obxectivo que lograr, a medio ano das próximas eleccións, unha alcaldía e o Goberno municipal á marxe das canles democráticas”, engadiu o alcalde.

Pola súa parte, o BNG emitiu un comunicado no que se mostrou "sorprendido" pola deriva de Alternativa dos Veciños. Os nacionalistas tamén se reivindicaron como unha forza política "seria e rigorosa" e esgrimiron que, "pase o que pase", as súas concelleiras Laura Rodríguez e Sara Arroxo seguirán desenvolvendo as súas funcións de goberno "sen desatender nin un minuto as necesidades" do Concello.

"Con total modestia e humildade, no Bloque apostamos pola constancia e o esforzo no traballo político e social como o mellor modo de servir aos veciños de Sada, fóra de conspiracións de salón, que en nada benefician ás demandas reais da sociedade sadense", concluía o comunicado do BNG.

Comentarios