Mocidade nacionalista homenaxeou Rosalía e Castelao

Galiza Nova chamou en Bonaval a “sumar forzas” para “un futuro digno para Galiza”.

homenaxe rosaliea e  castelao bng galzia nova
photo_camera Sabela Méndez, Ana Pontón e Paulo Ríos.

A tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao que Galiza Nova organiza o 24 de xullo puxo este ano o ramo á trintena de actos que a organización realizou por toda Galiza no marco da IV Semana da Patria e que incluíron desde coloquios até concertos. "Homenaxeamos dúas figuras que están sendo institucionalizadas polo Goberno da Xunta de Galiza do PP que nunca confiou en coñecelas e dalas a coñecer e divulgar toda a súa obra e o seu pensamento", denunciaba o secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, na presentación da homenaxe.

E así decorreu o acto en Bonaval, na capital galega, no Panteón dos galegos Ilustres e ante as tumbas de Rosalía e Castelao: entre a reivindicación destas figuras e a súa vixencia e a denuncia das problemáticas da Galiza do século XXI, nomeadamente na mocidade.

Sabela Méndez, militante de nova incorporación e natural do Rosal foi a encargada de abrir a Homenaxe convidando a mocidade do 2021 “a coller o legado de Rosalía e Castelao. Organizármonos para gañar un futuro digno no país".

Paulo Ríos, que tamén é deputado no Parlamento galego, de por parte, sinalou que "imos construír a República Galega das máis fronte a monarquía dos menos. Seguimos sumando forzas nas rúas e onde faga falta".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén tomou a palabra e acusou o PP e á Xunta de "criminalizar" e "responsabilizar" os mozos para "tapar os problemas de xestión" da pandemia da Covid-19.

"Imos deixar a pel na defensa dun futuro digno para os mozos", proclamou, porque sen eles "non se pode construír unha Galiza con futuro". "Sodes imprescindíbeis, necesitámosvos a todos e a todas", incidiu.

A intervención musical de Brassica Rapa e a tradicional ofrenda floral onde repousan Rosalía e Castelao no Panteón de Galegos Ilustres puxeron o ramo ao tradicional acto de Galiza Nova.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios