A mocidade emigrada defende unha candidatura galega

A plataforma Voltar á Terra lanza un Decálogo por un país en pé no que chaman o movemento xuvenil e a mocidade galega a se "converter en protagonista" como "motor imprescindíbel" do cambio.

Voltar á terra (2)
photo_camera [Imaxe Voltar á terra]

Através dun decálogo pendurado no seu portal web e ao que lle deron leitura esta terza feira (11 de agosto) na cidade de Pontevedra, a plataforma Voltar á Terra defendeu a conformación dunha candidatura galega nas vindeiras eleccións ás Cortes españolas que defenda "mudanzas socio-económicas necesarias" e unha "política activa" que permita "voltar á terra ás persoas migradas", explicou en conversa con Sermos Galiza Rubén Permui, integrante do colectivo. 

Perante os comicios que terán lugar a finais deste ano, desde esta plataforma popular  aseguran que "máis que nunca" é "preciso un grupo parlamentar propio" na defensa dos intereses de Galiza. 

O decálogo foi lanzado con 100 sinaturas iniciais que abranguen persoas migradas "en perto dos cinco continentes". Persoas de distintos ámbitos profesionais e persoais que representan "os milleiros que se viron obrigados a marchar" nos últimos anos. Segundo as cifras oficiais en 2014 o noso país perdeu 24.600 persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 34 anos, só nun trimestre 16.800. 

"Non facemos parte das estatísticas do país porque non formamos parte del", porén, "temos dereito a exixir voltar"

"Non facemos parte das estatísticas porque non formamos parte del", denuncia Permui. "Non existimos porque estamos fóra". Porén, acrecenta, "temos dereito a exixir voltar". Unha mudanza "real" que permita volver á "xeración mellor formada da historia". Neste senso, subliña, "lanzamos un chamamento a toda a mocidade para reclamar o que Galiza precisa" e rematar co "problema endémico" que representa a emigración neste país. 

Para Rubén Permui a obriga de facer as maletas e marchar na procura dun proxecto de vida é algo "normalizado" para o pobo galego. "Iso é abraiante". Este mozo que vive e traballa en Barcelona desde "hai 9 anos" compara a realidade catalá coa galega e asegura que "en Catalunya cando un fillo ten que marchar é un drama" mais "para nós é algo intrínseco". 

"Faltan medidas que nos permitan ficar aquí e traballar" pois "formación temos". Así é que desde a plataforma Voltar á Terra entenden que un "grupo parlamentar galego propio sen dependencias" é unha das ferramentas chave para lograr as condicións que permitan, non só volver a poboación migrada, senón "frear esta sangría". 

Defender os intereses dunha Galiza con futuro

Un chamamento que lanzan a "todas as forzas políticas deste país" ás que instan a se integrar nunha candidatura galega que denuncie "a crise endémica que sufrimos, o desmantelamento dos nosos sectores produtivos e o envellecemento impulsado pola emigración". Mais tamén que "dende a defensa dos nosos intereses" pule por "recuperar os nosos sectores produtivos, e garantir salarios dignos para as clases traballadoras galegas". 

Entre as medidas que propoñen no decálogo visan "desenvolver iniciativas económicas sustentábeis e que poñan en valor o noso ecosistema como un dos elementos chave do futuro", o "investimento estratéxico en I+D+I" como elemento para "aproveitar a formación académica e laboral das persoas que facemos esta nación" así como o artellamento dun "sistema galego de cooperativas en todos os eidos económicos", entre outras. 

Comentarios