Un manifesto da mocidade avoga pola 'unidade nacional galega' para as eleccións xerais

Máis de 150 moz@s asinaron 'Tempo de Unión', un comunicado no que se pide "unidade de acción" ás  "forzas galegas de esquerda” de cara á esta cita electoral. "É o momento de dar un paso adiante", afirman.

Mocidade

'Tempo de Unión. A mocidade pide unidade nacional galega ás xerais' é o nome do manifesto que desde a súa aparición pública o 26 de xullo, o día despois do Día da patria Galega, recolleu máis de 150 sinaturas de moz@s avogando por unha candidatura unitaria para as eleccións estatais que decorrerán antes de que remate o ano. Entre @s asinantes, militantes de diferentes organizacións -políticas, estudiantís- mais tamén moita persoa sen afiliación. Hai persoas desempregadas, traballadoras, emigrantes... que partillan a análise recollida no texto. “Co tecido produtivo desfeito – estaleiros desarticulados, sector lácteo e sector pesqueiro desestruturados, falta de inversión, ausencia total de industrias relevantes – á mocidade galega só lle queda unha saída: a emigración. Esiximos atención, queremos solucións e cremos que é o momento, a través da unidade, de conseguir esas solucións”, din no manifesto.

“A conquista do poder político”

“É o momento de dar un paso adiante. Ante esta crise de lexitimidade do sistema opoñemos o seguinte lema: a conquista do poder político. Estamos dispostas e dispostos a saír a gañar, queremos xogar ata o final, e queremos ocupar o noso propio espazo na partida”.

Reclámanlle “ao total das forzas galegas de esquerdas, de cara ás eleccións xerais, o mesmo compromiso de unidade de acción que amosa diariamente noutros eidos de acción social”. Recoñecen que “as condicións e os efectos da crise en Galiza son marcadamente distintos aos do resto do Estado” polo que “precisamos dunha resposta propia aos nosos problemas”.

Comentarios