PRIMEIRO ASINANTE DO MANIFESTO "POLA UNIóN"

Vítor Vaqueiro: "O apoio social para unha candidatura de unidade é inmenso"

O manifesto "Pola unión" suma na rede apoios a favor dunha candidatura unitaria para conseguir un grupo galego no Parlamento español. O escritor Vítor Vaqueiro, o primeiro dos asinantes, debulla os obxectivos e as aspiracións da iniciativa.  

vitorvaqueiro

-A súa é a primeira sinatura do manifesto “Pola unión” que se fixo público onte na rede. Que obxectivos persegue?

Esencialmente, como o seu título sinala, persegue a unión, quer dicir, a converxencia dos mais variados axentes sociais, políticos e culturais, da cidadanía e da “ruralía”, en definitiva, da inmensa maioria do pobo galego. E desexaríamos que esa unión se producise por volta das, moi elementais, ideas explanadas no manifesto POLA UNIÓN ou POLA UNIÃO, como preferirmos. Esas ideas redúcense á consecución dun grupo parlamentar galego no parlamento estatal, cunhas condicións moi básicas: que sexa un grupo con personalidade xurídica propia —enténdaseme, non se trata de termos un PSC— e, por tanto, con centro de decisión en Galiza, sen inxerencias nen ditados externos, e que defenda o direito a decidir o noso futuro no que atinxe o controlo das nosas lingua, cultura, economia, identidade, recursos produtivos e todos os factores precisos para nos realizar e proxectar como pobo galego, nun marco rexido pola xustiza, a democracia real —non un conxunto de simples liberdade formais— e a igualdade, de cuxo carácter axiomático debemos partir sempre. 

"Esas ideas redúcense á consecución dun grupo parlamentar galego no parlamento estatal, cunhas condicións moi básicas: que sexa un grupo con personalidade xurídica propia e, por tanto, con centro de decisión en Galiza"

-Buscan apoios sociais para darlle forza á iniciativa. A quen vai dirixido?

Como sinalei antes, vai dirixido á inmensa maioria do pobo galego, obxectivamente interesado en que as cousas muden. Probabelmente quererás que concrete quen é o pobo galego. Pois somos ti e mais eu e os centenares de millares de persoas que traballan e sofren e rin e soñan e estudan e queren esta nación. E, naturalmente, o conxunto de organizacións de todo tipo ás que xa me referin antes. Dito noutras palabras: a iniciativa diríxese a todas aquelas persoas e entidades que consideren que social, cultural e nacionalmente as cousas non están ben.

-Despois do grande suceso do 25X, quedou á vista o apoio social para unha candidatura galega?

Eu penso que, efectivamente, a manifestación do 25 de xullo supuxo un grande suceso, numericamente falando e non só numericamente. O apoio social para unha candidatura de unidade é inmenso e iso percíbeo calquera persoa que se encontre centrada nos problemas do país e que se preocupe polo mesmo. E vasme deixar que faga unha consideración: hai quen mostra inquietude polo que poderíamos chamar “inflacción” de manifestos destes dias. Eu, que son unha persoa optimista, acho que, xustamente, a aparición de diferentes manifestos é o sintoma claro do raiboso desexo de unidade, do desexo de cada quen deixar ouvir a sua voz, nese berro no que, baixo a diferenza de matices secundarios, resoan unha e outra vez os termos unión, unidade, unitario, junt@s. Do meu ponto de vista, se se producir ese proceso de unidade non só ficaria garantido un grupo proprio, senón que, ademais, os resultados serían realmente extraordinarios. Non hai mais que pisar a rúa e falarmos coa xente. 

-Iniciativas deste tipo teñen que vir de persoas particulares?

Iniciativas deste tipo teñen de vir de todas aquelas persoas, entidades, sociedades, organizacións políticas, sindicais, deportivas, ecoloxistas, feministas, culturais, en fin todo o tecido social e nacional —poderosísimo por certo— que ten de traballar coordenadamente nunha dirección para, por dicilo con Fuxan, “a nosa historia virar”.

-Nas máis de medio cento de sinaturas primeiras chama a atención a pluralidade das traxectorias políticas, sociais e mesmo de ámbito de traballo. Foi buscada esa variedade no grupo inicial?

Só até certo ponto. Efectivamente, se usarmos etiquetas poderíamos dicir que nesas 60 persoas que lanzan o chamado existen posicionamentos extraordinariamente variados que van desde o independentismo ao nacionalismo, galeguismo, confederalismo  ou federalismo. O grupo promotor do manifesto non focou as cousas deste ponto de vista e isto acho interesante subliñalo. O que se fixo foi pór acima da mesa, prescindindo de calquera consideración restritiva, nomes de persoas que se acreditaba puderen  concordar cos principios do manifesto. E vou dar un dado que acho de grande interese. De todas as persoas que se lle pediu só duas negaron o seu apoio, debendo salientarse que as razóns da negativa eran absolutamente lóxicas e fundamentadas, porque, ademais, as duas coincidian totalmente cos obxectivos do manifesto.

"Para nós este manifesto constitúe, esencialmente, unha ferramenta mais, ao pé doutras iniciativas semellantes, de axitación social en prol da unidade"

-Como ve vostede a posición das organizacións de carácter galego á hora de apoiar a súa proposta?

En xeral a resposta é moi positiva, como se pode observar sen mais que percorrermos a relación das trescentas asinaturas que agora mesmo apoian o manifesto. Existen, porén, ausencias notables de persoas que se achaban na manifestación do 25 de xullo e que teñen defendido de forma reiterada e pública os principios contidos no noso chamado. Eu, particularmente, ignoro os motivos que inducen a alguén a rexeitar formulacións que ese mesmo alguén ten proclamado e defendido en público en numerosas ocasións, notadamente cando se está perante un texto como do que falamos no que, até onde eu podo saber, ao pé dun 70% das persoas que fan o chamado non teñen filiación partidária. Desconfiar deste manifesto é desconfiar da independencia do grupo das persoas que o xeraron que, debo dicilo, son, no cen por cen dos casos, sen adscrición partidária. 

-Entablaron contactos con algunhas das organizacións, nomeadamente, do nacionalismo?

Non, en ningún caso. Nós, como digo, só barallamos nomes. E debemos sinalar tamén que o número de persoas a que nos íamos dirixir era bem máis amplo. Aconteceu, porén, que agosto é un pésimo momento e houbo persoas coas que non dimos contactado por se acharen de ferias ou fora do país. 

-Unha vez acaden as sinaturas que estimen necesarias, cal será o paso posterior?

Non estimamos ningún número concreto, ainda que, loxicamente, aspiraríamos a apañar millares. Para nós este manifesto constitúe, esencialmente, unha ferramenta mais, ao pé doutras iniciativas semellantes, de axitación social en prol da unidade baixo os principios que POLA UNIÓN|POLA UNIÃO defende. Desde a humildade e a consciencia de sabermos quen somos —agora mesmo só trescentas persoas— queremos contribuir á constitución dunha enxurrada de opinións que axude a conscienciar a sociedade galega da necesidade de articular unha candidatura unitaria ao congreso. E para iso será imprescindíbel a converxencia con plataformas semellantes. 

"Como se viu en épocas pasadas, nos casos do Prestige, nas mobilizacións de defensa da lingua, no caso da mina de Corcoesto, o pobo galego cando se une, ten forza abonda para vencer as maiores dificuldades".

-Se son quen de mostrar, canda outras propostas, que a posibilidade dunha candidatura galega ten respaldo social, que coida que acontecerá se algunha forza galega non se suma á iniciativa?

Nunha situación como a presente, que muda a grande velocidade, resulta difícil dicir o que ocorrerá a semana que vem.  Acredito, porén, en algo: se non existe a candidatura galega da que falas penso que vai ser por intereses persoais ou partidarios, non por factores obxectivos. Como se viu en épocas pasadas, nos casos do Prestige, nas mobilizacións de defensa da lingua, no caso da mina de Corcoesto, o pobo galego —como calquera outro pobo— cando se une, ten forza abonda para vencer as maiores dificuldades. Unha ollada á nosa historia chega para comprobar este dado. Se non hai candidatura de unidade non será porque haxa pontos inasumíbeis, senón por outros motivos. 

-Como valoran a proposta do Banquete 2.0 que se desenvolverá en Conxo o 22 de agosto promovido polo grupo convocante da manifestación pola unión do 25 de xullo? Van participar?

Pois, e dígoo con total sinceridade, a valoración non pode ser mellor. O seu comunicado, NON IMOS AGARDAR MÁIS, paréceme claro, oportuno, preciso e lúcido, situando as cousas, do meu ponto de vista, exactamente no territorio no que hai que situalas. Como se vai discrepar cunha frase como “unha candidatura que non teña ningún tipo de dependencia allea aos intereses da nación”? como podemos discordar cando se nos fala da “construción dun suxeito político”? como un non vai estar de acordo cando le, con emoción, falar da “xestión soberana do noso futuro colectivo”?. NON IMOS AGARDAR MAIS é un texto magnífico e, contestando a tua pergunta, naturalmente imos participar, dentro de dúas semanas, en Conxo lugar ben simbólico, por certo. E esperamos que ali se dea un novo paso no proceso de construción da unidade orientada á obtención desa candidatura unitaria e dese grupo parlamentar proprio que tanto precisamos. 
 

Comentarios