Minuto a minuto da sesión de control ao goberno galego

Informamos do minuto a minuto da comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento para responder as preguntas da oposición.

Minuto a minuto da comparecencia de Feijóo na sesión de control.

10.41 Núñez Feijóo (quenda de réplica)

"As mareas o que producen en Galiza é a morte dos mariñeiros, son as únicas que nos preocupan". 

O presidente da Xunta fala de que van incrementar axudas e fondos para inclusión social e anuncia que mañá o Consello vai aprobar un plan estratéxico de inclusión social, dotado con "máis do duplo" de orzamento que os anteriores: "Imos dotalo de 500 millóns de euros".

"A nós vótannos con V non con B" comeza a quenda de réplica de Feijóo que acusa a AGE de desprezar o pobo galego. E insiste en que a taxa de pobreza en galiza "é inferior á de España, e é así desde que chegamos ao goberno".

10:38 Yolanda Díaz

Yolanda Díaz cita a Rousseau e di que das dúas formas de gobernar que fala o filósofo, o medo e a esperanza, o goberno de Feijóo opta polo medo. "Eu non perdo a esperanza de botalo", engade a vice-portavoz de AGE.

"Manipulando é vostede bastante groseiro, señor Feijóo" retrúcalle Díaz ao presidente da Xunta. E di que os dados falan de 100.000 persoas en situación de pobreza enerxética.  

10:35 Núñez Feijóo

Dille a Díaz que nos informes que ela cita tamén se sinala que Galiza é quen ten o nivel máis baixo de risco de pobreza e exclusión social. "Por que trata de nos enganar a todos?" Centra parte da súa intervención en sinalar que en Andalucía están peor que en Galiza.

10:31 Yolanda Díaz (AGE)

Yolanda Díaz pregunta que vai facer a Xunta perante esta realidade. Lembra que Feijóo prometera que ía presentar un plan integral contra a pobreza antes de que acabase 2014: "Vai presentalo nestes 15 días?".

Pregunta a Feijóo se un traballador no desemprego que reciba 600 euros mensuais "é pobre ou non". Unha cuestión a partir da cal enumera informes e estudos que apontan a que en Galiza hai un 18% de persoas pobres. "Son 500.000 persoas pobres, señor presidente".

10:26 Níñez Feijóo

Enumera unha serie de medidas para beneficiar ás empresas en relación á enerxía. "Alcoa debe poxar na subasta eléctrica". E pregunta ao BNG se agora defenden multinacionais.

Di que a subasta beneficiou a empresas con presenza en Galiza como Ferroatlántica e que tamén pode beneficiar a Alcoa. Pregunta a Jorquea se está a prol da enerxía nuclear.

"Vostedes queren confundir, con 17 sistemas eléctricos diferentes", sinala o presidente na quenda de réplica a Francisco Jorquera.

10:24 Francisco Jorquera

O portavoz do BNG lembra o compromiso do Estado para abaratar a enerxía a empresas de Euskadi, mentres que non move ficha para Galiza.

"Vostede é un excelente xefe de oposición ao goberno Zapatero, mais como presidente da Xunta de Galiza, non" afirma Francisco Jorquera, que convida a Feijóo a que, cando remate a comparecencia, manteña unha xuntanza con representantes do comité de Alcoa, alí presentes.

10:21 Núñez Feijóo

Feijóo dille a Jorquera "non fai falla que me fale de Alcoa", asegurando que leva traballando desde 2012 "neste tema" e afirma que foi a propia Alcoa pediu a subasta e dille: "De alcoa sabemos bastante máis que vostede".

O presidente responsabiliza da situación os gobernos socialistas por mala planificación, con medidas que levaron a incrementos da tarifa eléctrica "sen precedentes". Di que o PSOE "deixou unha débeda coas eléctricas de máis de 26.000 millóns".

10:17 Francisco Jorquera (portavoz BNG)

O portavoz de BNG fala dos empregos que se poden perder en Megasa e Alcoa e pregunta a Feijóo se vai facer algo para acabar "co expolio enerxético de Galiza".

Máis de 6.000 millóns de euros de beneficios netos das eléctricas, mentres a probreza afecta a milleiros de fogares, sinala Jorquera, que afirma que cada ano morren en Galiza 800 persoas por "doenzas ou accidentes" relacionados co frío

"Como valora a situación enerxética de Galiza? O 40% da electricidade que se produce aquí emigra a outros mercados" pregunta o portavoz do BNG.

10:14 Núñez Feijóo

Réplica na que critica as políticas dos gobernos socialistas a respecto dos temas albo do debate

10:11 Méndez Romeu

O portavoz do PSdeG critica as xestións da Xunta neses campos.

10:07 Núñez Feijóo (presidente da Xunta)

Feijóo defende a xestión da Xunta en campos como o demográfico, o naval ou o da industria de automoción.

O presidente da Xunta retruca a Méndez Romeu: "Non sei que me pregunta"

10:00 Méndez Romeu (portavoz do PSdeG)

Méndez Romeu repasa as "malas novas" desta semana, citando a queda demográfica, a crise do Naval ou as ameazas de peches de empresas. "Por certo, que facía nesas conversas con Pemex o seu particular Pequeno Nicolás, 'O conseguidor'?" inquire ao mencionar que os contratos coa petroleira non implicaron tantos empregos como anunciaba a Xunta.

O portavoz socialista comeza a intervención solidarizándose coas familias dos bateeiros desaparecidos, algo que fixeron todos os portavoces dos grupos parlamentares. Xa na intervención, Méndez Romeu afirma que o presidente da Xunta "está cercado por escándalos de financiamento ilegal" do PP de Galiza. Pregunta a Feijóo se é consciente da gravidade desa situación.

Comentarios