25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

O nacionalismo volve tomar as rúas de Santiago polo Día da Patria e Pontón chama a "facer historia" cun "cambio de ciclo"

O BNG volve chamar á mobilización neste 25 de xullo baixo o lema 'Imos a máis para unha nova Galiza'.
Milleiros de persoas volveron tomar Santiago neste 25 de xullo. (Foto: Arxina)
photo_camera Milleiros de persoas volveron tomar Santiago neste 25 de xullo. (Foto: Arxina)

Milleiros de persoas volven percorrer as rúas de Santiago de Compostela este 25 de xullo, Día da Patria Galega, respondendo á chamada dun BNG que encara a xornada con moita ambición. Baixo o lema 'Imos a máis para unha nova Galiza', a formación nacionalista busca seguir sumando apoios coa ollada posta xa nas vindeiras eleccións galegas, logo de aumentar os seus votos nas últimas estatais.

A súa portavoz nacional, Ana Pontón, chamou en declaracións aos medios a conseguir un "cambio de ciclo" na Galiza para "facer historia" e tornar na primeira presidenta da Xunta. Reivindicou o "orgullo de ser nación" nun momento "decisivo" e cun país que, salientou, ten "moito futuro" por diante. Tamén asegurou que as portas do Bloque "están sempre abertas" para seguir "ensachando" as súas bases.

A multitudinaria marcha partiu, como é habitual, ás 12 horas da Alameda compostelá. Non faltan as bandeiras da patria, a música popular nin as arengas soberanistas —"Galiza ceibe, poder popular"; "Que queiran, que non, Galiza é unha nación"— nunha mañá na que impera o ambiente festivo e reivindicativo na capital do país. Na mobilización participan tamén representantes de organizacións internacionais como o grupo parlamentario en Bruxelas da Alianza Libre Europea (EFA, en inglés), do que fai parte o BNG.

"Coa nosa bandeira ao frente / non hemos retroceder. / Galiza ten que ser ceibe! / Temos, irmaos, que vencer!". Con estes versos de Manuel María compartían as nacionalistas as primeiras imaxes da manifestación a través de Twitter, adxuntando tamén un vídeo coa saída desde a Alameda entre berros de "Galiza ceibe, poder popular". A columna avanza polo casco histórico até desembocar na praza da Quintana, onde agarda un escenario desde o que intervirán a propia Ana Pontón; a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, e o parlamentario Daniel Castro.

Comentarios