25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

Ana Pontón capitaliza o "mellor momento" do BNG ollando cara á Xunta: "É o momento de conquistar o futuro que merecemos"

"No día grande da Galiza, ante todos e todas vós, quero asumir un compromiso: se así o decidides, darei o mellor de min  para que fagamos historia e teñamos por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender aos galegos e galegas, sen submisións nin ataduras. Síntome preparada, con máis forza e ganas que nunca para asumir o reto", dixo a líder nacionalista após a multitudinaria manifestación convocada polo Bloque neste Día da Patria.
Ana Pontón foi recibida no escenario da Quintana entre berros de "presidenta, presidenta". (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón foi recibida no escenario da Quintana entre berros de "presidenta, presidenta". (Foto: Arxina)

Milleiros de persoas volveron percorrer as rúas de Santiago de Compostela este 25 de xullo, Día da Patria Galega, respondendo á chamada dun BNG que encarou a xornada con moita ambición. Se xa na manifestación do pasado ano a líder da formación nacionalista, Ana Pontón, remataba a súa intervención cun claro e contundente "imos a por todas, sen límites", hoxe non foi menos e chamou a "facer historia" nas vindeiras eleccións galegas para termos "por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender os galegos e galegas". Foi nunha data especial, no 40 aniversario da sentada do nacionalismo na praza da Galiza desta mesma cidade que cortou o tráfico e obrigou o Goberno español a permitir ao ano seguinte o remate da marcha deste día marcado no calendario na Quintana.

A multitudinaria marcha partiu, como é habitual, ás 12 horas da Alameda compostelá. Non faltaron as bandeiras da patria nin as arengas soberanistas —"Galiza ceibe, poder popular"; "Que queiran, que non, Galiza é unha nación"— nunha mañá na que imperou o ambiente festivo e reivindicativo na capital do país. A columna avanzou polo casco histórico até desembocar nunha praza da Quintana que acabou ateigada de xente mentres aínda quedaba xente na cola da manifestación.

No escenario principal agardaban Ana Pontón e maila secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, e o parlamentario Daniel Castro, que se dirixiron ás masas. “Imos a máis. A forza do nacionalismo galego é imparábel. A mocidade somos o presente e o futuro deste país, somos o motor do futuro da Galiza", dixo Martín, mentres Castro aproveitou a súa quenda para salientar que Galiza é “unha nación viva”. “Quérennos caladas, mais aquí estamos, un pobo en pé”, reiterou.

No seu discurso, Pontón, que comezou a falar entre berros de “presidenta, presidenta”, fixo alusión a un ano “marcado polas citas electorais” e, como xa fixera en campaña, a aquelas “persoas inconformistas e loitadoras que coa súa rebeldía abriron camiños para os dereitos e as liberdades”, entre as que citou Rosalía de Castro, as sufraxistas, Rosa Parks, Nelson Mandela ou Salvador Allende.

Delas e deles dixo que “nos demostran a importancia de ter conviccións firmes, principios e valentía”; porén, pese a que as persoas son importantes, matizou, “non logran cambios por si soas, precisan de organizacións que unan moitas mans pola mesma causa”. Algo que no BNG, dixo, saben “moi ben”. “Por iso hoxe quero dicirvos que sinto un tremendo orgullo de todas e cada unha das persoas que formamos parte do BNG, dos militantes e dos simpatizantes que sempre estades aí, ás duras e as maduras. Porque sabemos que non é fácil, que ninguén nos agasallou nada. É un luxo camiñar ao voso lado. Sodes a mellor militancia do mundo!”, aseverou, ante o aplauso colectivo.

A praza da Quintana, ateigada de xente neste Día da Patria. (Foto: Manel Méndez)
A praza da Quintana, ateigada de xente neste Día da Patria. (Foto: Manel Méndez)

Para afrontar os restos do futuro, a líder nacionalista avogou por “manter a unidade e a cohesión interna” e “agrandar, agrandar e agrandar cada vez máis o BNG”. Unha organización que incrementou a súa militancia en 25% nos últimos tres anos, cifra que para Pontón “non é suficiente”. “Todas as persoas que teñen a súa cabeza e corazón na Galiza saben que as portas do BNG están abertas e que aquí hai sitio para traballar na defensa da Galiza como nación.  Porque na defensa da Galiza están todas as causas xustas: a democracia, a igualdade e a liberdade. O emprego, a vivenda e o medio ambiente. A lingua, a cultura e a identidade”, insistiu.

Quixo lembrar tamén a portavoz nacional a figuras destacadas desta organización, como Bautista Álvarez, de quen aprendeu “moito”. “Aprendín moito, aprendín que sen confianza en Galiza nunca poderemos gañar; aprendín do seu empeño por facer do BNG un proxecto para as maiorías, fuxindo de ideoloxismos que nos marxinalizan e de pragmatismos que nos asimilan; e, sobre todo, aprendín que só chegaremos a bo rumbo se sabemos quen somos e a onde imos”, precisou.

“Nós somos unha forza nacionalista. E como el dicía, o nacionalismo, non precisa de adxectivos. Porque ‘o nacionalismo, mesmo aquel que non busca a transformación radical do sistema, é progresista, por espetar un ferrete nos raís do imperialismo. É de esquerdas, por transferir ao traballo o poder dos monopolios. É democrático, por devolverlle ao pobo os privilexios que lle usurparon’. Son as palabras de Bautista que subscribo ao 100%. Así que, con humildade pero con o orgullo, digamos, somos nacionalistas e punto!”, engadiu, diante dunha ateigada praza da Quintana que correspondeu con euforia as súas palabras.

O “mellor momento” da historia do BNG

Amparándose nos últimos resultados electorais, nas municipais e estatais, Ana Pontón celebrou que o Bloque está “no mellor momento” da súa historia. Da primeira cita coas urnas destacou a elección das primeiras rexedoras de Samos, Chus López, e Santiago, Goretti Sanmartín, mentres do escano retido no Congreso da man de Néstor Rego significou que “coller esta papeleta foi un acto de rebeldía contra unha campaña pensada para revivir o bipartidismo, polarizada e deseñada desde os platós de televisión madrileños”.

Fixo tamén, con todo, un exercicio de autocrítica: “É certo que non cumprimos as expectativas e que aspirabamos a máis. E tamén é certo que debemos analizar como mellorar. Non teñades ningunha dúbida que o faremos, mais neste contexto, incrementamos un 25% os votos”.

Pontón reivindicou ese escano do nacionalismo galego na Cámara baixa como “decisivo para defender Galiza en Madrid” e para que “[Alberto Núñez] Feixoo non goberne coa extrema dereita”. “Euskadi ten peso con forzas propias que defenden os seus intereses. Catalunya tamén. De  Madrid xa nin falar, deféndena todas as forzas estatais, de esquerda a dereita. Todas poderían presentarse co mesmo lema: Madrid, Madrid, Madrid.  E Galiza a quen ten? Galiza só ten o BNG”, subliñou.

A manifestación, partindo da Alameda. (Foto: Arxina)
A manifestación, partindo da Alameda. (Foto: Arxina)

Obxectivo: Xunta da Galiza

A nacionalista precisou que, malia que é importante “defender Galiza en Madrid”, máis o é “defender Galiza na Galiza”. “Galiza merece máis que un PP non ten un proxecto de futuro; ao contrario, o proxecto do PP é unha Galiza subordinada ao centralismo. O proxecto do PP é gobernar para as eléctricas, é deteriorar os servizos públicos, como fai coa educación ou coa sanidade, xogando coa vida e a saúde das persoas a base de recortes, recortes e recortes. Merecemos máis que un presidente [Alfonso Rueda] de reposto máis preocupado dos problemas do seu xefe que dos problemas dos galegos e galegas”, incidiu.

É o momento de aspirar a máis, de conquistar con alegría e confianza o presente e o futuro que merecemos. Síntome preparada, con máis forza e ganas que nunca para asumir o reto

E, neste punto, reivindicouse como futura presidenta da Xunta: “Sabedes que vos digo? Que é o momento de aspirar a máis, de conquistar con alegría e confianza o presente e o futuro que merecemos. Por iso, no día grande da Galiza, ante todos e todas vós, quero asumir un compromiso: se así o decidides, darei o mellor de min  para que fagamos historia e teñamos por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender aos galegos e galegas, sen submisións nin ataduras. Síntome preparada, con máis forza e ganas que nunca para asumir o reto”.

Defendendo o ‘trono’ de San Caetano estará un Partido Popular que, afirmou, “vai dopado ás eleccións, usando as institucións en beneficio propio, convertendo a TVG no seu aparato de propaganda electoral e traspasando todas as liñas vermellas con tal de gañar as eleccións”. “Volverano intentar”, augurou, aínda que confía en que “cada vez somos máis e temos do noso lado a forza da razón e do corazón”.

Discurso de Ana Pontón na Quintana. (Foto: Manel Méndez)
Discurso de Ana Pontón na Quintana. (Foto: Manel Méndez)

“Levo pateado moito, falado con moitas persoas de ámbitos sociais e económicos diferentes e tamén de ideoloxías diferentes. E en todas elas hai un pensamento común: Galiza non vai ben, Galiza necesita un cambio. Estamos ante un cambio de ciclo que non está marcado polo quilómetro cero madrileño”, dixo. Ese cambio que Pontón ve que reclaman “os mozos e mozas que emigraron ante a falta de oportunidades”, quen “loitan nas rúas para defender a sanidade pública” ou a Galiza “rural”. “É o cambio que queren os científicos e investigadoras do noso país, fartas de traballar en precario. É o cambio polo que saímos ás rúas cada 8M, a dicir que nos queremos vivas e libres. É o cambio que clama por un novo modelo económico, que sexa sustentable. É o cambio de todas as persoas que queren ter nas súas mans as decisións máis importantes".

“É o cambio para gañar un país mellor. Un país con máis poder político, que poña a enerxía ao servizo da sociedade, que avance e progrese movido pola forza da ciencia e o coñecemento, que non deixe un metro de terra improdutiva e cun monte vivo e multifuncional, un país feminista e diverso, un país que coide o seu medio e que faga fronte á crise ambiental. Un  país que coide as súas persoas. Ese é o país que queremos e merecemos. Podemos gañar ese país mellor. Depende de nós”, sentenciou, e rematou a súa intervención cun sonoro “Viva o BNG! Viva Galiza” sucedido polo canto a coro do Himno da Galiza.

Comentarios