Análise

Miguel Tellado, a fe dun converso ao servizo de Alberto Núñez Feixoo

O secretario xeral do PPdeG estivo estes días no centro da polémica pola súa crítica ao posíbel uso do galego como lingua vehicular no ensino.

As declaración de Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, en que criticou o uso do galego como lingua vehicular no ensino e manifestou a súa oposición ás políticas de inmersión lingüística non sorprenderon nas filas do Partido Popular. “É a fe do converso”, sinala a Nós Diario un antigo deputado do PP, crítico co estilo e as formas do secretario xeral dos populares e quen afirma que “Tellado sempre está disposto a ir máis alá na defensa das posicións do partido, prestándose a botar gasolina en calquera conflito, se cadra para agochar o seu pasado”. 

A biografía política oficial de Miguel Tellado arranca como asesor de comunicación no gabinete do alcalde popular de Ferrol, Juan Juncal, porén, con anterioridade, tiña destacado na súa etapa na universidade como militante do Movemento Estudantil Universitario (MEU), unha organización xurdida dunha escisión dos Comités Abertos de Facultade (CAF) na década do 90 e impulsada e dirixida por algúns militantes do BNG. Situábase ideoloxicamente na órbita da esquerda e do nacionalismo e contaba cunha forte implantación na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde Tellado cursaba estudos.

As persoas que coñeceron o actual secretario xeral dos populares galegos neste tempo non dan creto a respecto da súa evolución anterior.

“Tellado naquela altura non tiña ningunha militancia partidaria, como si acontecía por exemplo con Xaime Subiela, que era o auténtico líder do grupo e que agora traballa de asesor con Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo, pero como o conxunto das persoas que nos movíamos en MEU na Facultade de Políticas, definíase nunha clave de esquerdas e galeguista”, sinala a Nós Diario unha compañeira de Tellado daquela época, quen lembra que “tiña moi presente a tradición obreira de Ferrol”.

A saída de Tellado da Facultade de Ciencias Políticas implicou  o inicio dunha nova etapa persoal e política. Após abandonar Santiago de Compostela e retornar a Ferrol, desembarcou profesionalmente no equipo de comunicación de Juan Juncal, alcalde da localidade entre 2003 e 2007, en coalición con Independentes por Ferrol de Juan Fernández, entrando en contacto co círculo do PP ferrolán, a cuxa sombra iniciou unha carreira política que chegou até hoxe.

Precisamente neste momento, tomou contacto co antigo conselleiro de Política Social e concelleiro de Juncal, José Manuel Rey Varela, ou co presidente do PP coruñés, Diego Calvo, cos que actualmente conforma o que algúns sectores populares denominan a “troica ferrolá”.

O patrocinio de Rey Varela e Calvo foi decisivo na súa traxectoria política posterior. Así, non tardou en recalar como xefe de gabinete da Consellaría de Traballo e Benestar na etapa de Beatriz Mato, ocupando ese mesmo cargo na alcaldía de Ferrol a partir de 2011 e saltando ao Parlamento da Galiza en 2012.

O ton duro das súas intervencións, o estilo implacábel coa oposición e a súa falta de complexos á hora de defender as posicións do partido fixeron que Alberto Núñez Feixoo reparase nel para novas responsabilidades, designándoo en 2014 portavoz do PP e en 2016 secretario xeral.

Un secretario xeral sen mando

O nomeamento de Miguel Tellado como secretario xeral do Partido Popular da Galiza foi unha decisión unilateral de Alberto Núñez Feixoo. Segundo explicou naquela altura o presidente da Xunta da Galiza, a elección debeuse á necesidade de dispor dunha persoa dedicada a tempo completo á organización do partido e sen responsabilidades gobernamentais, após a experiencia do seu antecesor no cargo, Alfonso Rueda.

Porén, as fontes populares consultadas por Nós Diario consideraron que na escolla de Tellado pesou o seu perfil de “duro”, a carencia dun poder territorial que puidese alterar os equilibrios internos e a necesidade dun nomeamento que non se puidese interpretar en chave sucesoria. 

comentarios