martes 24/11/20

O PP censura as contas do Goberno español para Galiza

Miguel Tellado pregúntanse onde están os fondos do Estado para o Xacobeo 2021.
O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, e a deputada popular Marta González.
O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, e a deputada popular Marta González.

O Partido Popular na Galiza cargou contra o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado presentados polo Goberno español  e que son, en palabras do secretario xeral da formación, Miguel Tellado, "irreais e irresponsábeis" e constitúen "o enésimo desprezo" do presidente, Pedro Sánchez, á Galiza.

Miguel Tellado ofreceu esta sexta feira, 30 de outubro, unha rolda de prensa na sede dos populares en Santiago de Compostela e estivo acompañado pola deputada no Congreso Marta González, que afeou unhas contas que cre asentadas en proxeccións económicas "imposíbeis" e que apostan "por máis gasto" nunha situación "dramática" en que "se derruba o tecido económico".

Para a deputada popular, o proxecto de orzamentos, que "non servirá para crear emprego,  supón "máis débeda" e "máis impostos" para as e os cidadáns, que, segundo González, deberán facer fronte a incrementos en taxas ás bebidas azucradas, as primas de seguro ou os plásticos, ademais da aínda non confirmada suba do prezo do diésel.

Outro dos aspectos contra os que carga o PP é que o Goberno estatal decida intervir o mercado de alugamento -limitando os prezos máximos-, medida que ven como "unha imposición dos socios comunistas de Podemos", recalcou Marta González.

"Estes orzamentos non achegan a parte substancial que deben aportar para a creación de emprego", engadiu a parlamentaria, que censura que o Goberno de Sánchez "opte pola solución contraria" á que, di, pon en práctica Alemaña e Francia en materia retributiva.

Agravio

Tellado cualificou as contas de "desequilibradas, irreais e irresponsábeis" e denunciou que proxecten "a cifra máis baixa dos últimos 15 anos" nos investimentos para a Galiza, que se atopa entre as cinco comunidades nas que caen as partidas.

Porén, Tellado non fixo referencia a que estas contas inclúan un aumento de 10% do investimento para Galiza respecto do proxecto de orzamentos que o Goberno español elaborou o ano pasado. O popular censurou a "desaparición" de "infraestruturas cruciais" para a comunidade como a variante da A-52 en Vigo, o túnel entre esa cidade e O Porriño, a circunvalación de Pontevedra ou a redución no orzamento dedicado á remodelación de Alfonso Molina, na Coruña. Doutra banda, preguntouse "onde" están os investimentos para o Xacobeo 2021.

O delegado do Goberno español di que o Estado dará a Galiza 700 millóns máis que Raxoi

O delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, subliñou que “os orzamentos do Estado de 2021 para a Galiza suman 8.968 millóns de euros, 700 máis que os actuais de 2018”. Losada asegurou que o Goberno de Pedro Sánchez "destina 8.968 millóns de euros a blindar o estado de benestar na Galiza e a garantir a reactivación económica".

En concreto, explicou que os fondos por habitante ascenden a 3.300 euros, o que sitúa Galiza como "unha das comunidades que máis recibe", por detrás de Estremadura (155 euros), con cifras practicamente idénticas a Aragón e Asturies e por diante, de maneira ampla, de Catalunya (185 euros), Madrid (650) ou Valencia (750).

Javier Losada situou ademais o aumento no investimento real en 9,9% respecto ao proxecto de orzamentos de 2019, ao alcanzar agora os 832,2 millóns de euros. Neste capítulo está por diante de Catalunya (50 euros), Andalucía (50), Madrid (120), Valencia (75) ou País Vasco (76), asegurou.
“Estes 8.968 millóns de euros que o Goberno dedica a Galiza supón un incremento de case 500 millóns con respecto ao proxecto de orzamentos que presentamos en 2019 (5,7% máis). E implican un incremento de 700 millóns de euros se o comparamos co último orzamento do Partido Popular”, mencionou sobre as contas que aínda están en vigor, correspondentes a 2018.

 O delegado do Goberno detallou que o anteproxecto de lei responde a “uns orzamentos progresistas para Galiza, porque buscan xerar máis e mellor emprego, que ninguén quede atrás”, e resaltou que "reforzan a cohesión e a xustiza social; apostan pola industria, por impulsar a economía e abordan un cambio de modelo produtivo; e, por suposto, están comprometidos coas infraestruturas". 

comentarios