Cada vez máis no seu rol de líder do sector crítico de En Marea

Martiño Noriega revelará a finais de setembro se volta a ser candidato en Compostela

En teoría Compostela Aberta non ten certeza absoluta de que Martiño Noriega se candidate en 2019 para manter a alcaldía da capital do país. O líder de CA anunciou esta terza feira que a finais do mes de setembro despexará a incógnita.

Beiras e Martiño Noriega (Anova)
photo_camera Noriega apértase a Beiras nun acto de Anova

O relato de Martiño Noriega é que dedicaría o verán a reflectir —unha reflexión partillada en familia— sobre se repetiría ou non como candidato. Durante este tempo, o líder de CA reforzou a súa proxección na política galega, con propostas como a criación da Mesa da Confluencia —ponto de encontro da disidencia interna no partido instrumental— visando cuestionar o liderado de Luís Villares.

As opcións de Noriega son realmente dúas: a de dar paso a outro referente de CA para centrarse exclusivamente na política galega ou a de voltar a concorrer como candidato en Compostela mais mantendo un ollo no palco nacional, con vistas ás galegas de 2020. O probábel é que tome este segundo camiño.

"A idea é que durante o mes de setembro teña unha conversa con todas as concelleiras e concelleiros, e logo coa propia coordenadora de Compostela Aberta", declarou Noriega esta terza feira. Após estes contactos, estima, poderá fixar na "última semana de setembro" a súa "posición" a respecto da súa eventual candidatura.

Avanza que do ponto de vista persoal a decisión xa a ten "máis ou menos perfilada", mais que en todo caso a determinación final terá de pasar por un contraste colectivo.

Comentarios