Marta Nóvoa, alcaldesa de San Cibrao das Viñas, será a vicepresidenta da Deputación de Ourense

Segundo explicou a institución provincial nun comunicado, a reorganización das responsabilidades "baseouse nos perfís de cada un dos membros" do equipo de Menor.
O equipo de goberno da Deputación de Ourense (Foto: Deputación de Ourense).
photo_camera O equipo de goberno da Deputación de Ourense (Foto: Deputación de Ourense).

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asinou esta segunda feira os decretos de nomeamento do novo goberno da Institución, que contará coa alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa, como vicepresidenta primeira, e que terá outras dúas vicepresidencias, oito áreas de goberno e catro delegacións especiais.

Segundo explicou a institución provincial nun comunicado, a reorganización das responsabilidades baseouse nos perfís de cada un dos membros do equipo de Menor.

Deste modo, a repartición estabelecida para os membros da Xunta de Goberno foi: Presidencia e Cooperación para Luis Menor; a vicepresidencia primeira, Facenda, Economía e Recursos Humanos para Marta Nóvoa; a vicepresidencia segunda para o rexedor municipal de Ribadavia, César Fernández, quen ademais se fará cargo de Cultura, Educación e Deporte; e a vicepresidencia terceira para Plácido Álvarez, alcalde de Muíños, que ocupaba o cargo de portavoz e agora pasará a ser vicepresidente terceiro levando Administración, Transparencia, Emerxencias e Cooperación Transfronteiriza.

Pola súa parte, Rosendo Fernández, quen ocupaba o cargo de vicepresidente primeiro no mandato de Manuel Baltar, foi relevado por Marta Nóvoa, pero seguirá á fronte do Inorde e ademais estará á fronte de Turismo, Termalismo e Representación Institucional.

Política Social, Conciliación, Envellecemento activo e a portavocía son para a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres. Así mesmo, Medio Ambiente e Enerxía para José María Lago, concelleiro na Gudiña, e Innovación, Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel e Axenda 2030 para o edil do Concello de Ourense, Jorge Pumar.

Delegacións especiais

Ademais, haberá catro delegacións especiais: Igualdade e Mocidade, para Teresa Barge, alcaldesa da Bola; Infraestruturas, para Manuel Seoane, alcalde da Peroxa; Novas Tecnoloxías, Reto Demográfico e Dinamización do Medio Rural, para Xosé Miguel Blécua, rexedor de San Xoan de Río; e "delegación especial para Valdeorras", para a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González.

Comentarios