23-X

Gobernar un concello a cabalo entre Galiza e Madrid: catro rexedores do PP serán tamén senadores

Luís Menor non só é alcalde do Pereiro de Aguiar, senón tamén presidente da Deputación de Ourense. Tamén Nidia Arévalo (Mos), Xosé Crespo (Lalín) e María José Gómez (Guntín) compatibilizarán as responsabilidades locais co traballo desde o Senado.
Os alcaldes de Lalín, Xosé Crespo; Guntín, María José Gómez; Mos, Nidia Arévalo, e O Pereiro de Aguiar, Luís Menor, que tamén preside a Deputación de Ourense. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Os alcaldes e alcaldesas de Lalín, Xosé Crespo; Guntín, María José Gómez; Mos, Nidia Arévalo, e O Pereiro de Aguiar, Luís Menor, que tamén preside a Deputación de Ourense. (Fotos: Europa Press)

O Partido Popular fixo pleno na Galiza nas eleccións ao Senado deste domingo, logrando representación os doce candidatos que presentaba nas circunscricións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Sumou así unha acta máis que na cita coas urnas de 2019, cando a repartición de asentos deixara once para o PP e cinco para o PSOE, que agora mantén catro, un por provincia.

E nas de Lugo, Ourense e Pontevedra foron elixidos catro rexedores e rexedoras populares que revalidaron os seus respectivos cargos o pasado 28 de maio após alcanzaren, en todos os casos, a maioría absoluta nos seus respectivos municipios. Son os casos do Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense), Guntín (comarca de Lugo), Mos (comarca de Vigo) e Lalín (Deza).

No primeiro dos casos trátase, aliás, do presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, que sucedeu este mesmo mes José Manuel Baltar á fronte da institución provincial. Os outros líderes locais que compatibilizarán as responsabilidades no terreo municipal son María José Gómez Rodríguez, de Guntín; Nidia Arévalo, de Mos, e Xosé Crespo, de Lalín. Este último xa fora senador entre 2015 e 2019, após perder a Alcaldía en favor de Rafael Cuíña (Compromiso).

Os cargos de alcalde e senador, así como alcalde e deputado, poden ostentarse ao mesmo tempo segundo a Lei electoral, que no apartado de incompatibilidades non sinala nada a respecto das corporacións locais. Si explicita, pola contra, que non é posíbel ser de forma simultánea ter representación no Congreso e o Senado, ou nalgunha destas dúas cámaras e mais nun parlamento autonómico.

Os rexedores e rexedoras con acta na Cámara alta, en calquera caso, deberán axustar as súas axendas para achar o tempo preciso para gobernar cadanseus municipios e asistir á vintena de sesións plenarias programadas anualmente no Senado, así como ás respectivas comisións e relatorios que se lles asignen como senadores.

Tamén obtivo acta de senador o ex alcalde de Ribeira (O Barbanza), Manuel Ruiz Rivas, logo de perder en maio o bastón de mando en virtude dun pacto entre BNG, PSOE e independentes que situou na Alcaldía o nacionalista Luís Pérez Barral.

Pilar Rojo, senadora por Albacete

Como curiosidade destas últimas eleccións ao Senado cabe destacar tamén que a ex presidenta do Parlamento da Galiza Pilar Rojo (2009-2016), do Partido Popular, revalidou a acta como senadora... por Albacete. Natural da Coruña, Rojo fora elixida para a Cámara alta en 2019 pola circunscrición de Pontevedra, a mesma que a levara ao Congreso en 2016. Para estes comicios Alberto Núñez Feixoo situona na lista albaceteña.

Comentarios