Luís Menor, novo presidente da Deputación de Ourense após 33 anos de 'baltarismo'

José Luís Baltar primeiro, entre 1990 e 2012, e o seu fillo Manuel despois, desde ese ano e até esta mesma segunda feira, posuíron o bastón de mando dunha institución que continuará en mans do PP outros catro anos grazas ao pacto subscrito con Democracia Ourensá, que permitiu manter a Alcaldía de Ourense a Gonzalo Pérez Xácome.
Manuel Baltar felicita o seu sucesor á fronte da Deputación de Ourense, Luís Menor. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Manuel Baltar felicita o seu sucesor á fronte da Deputación de Ourense, Luís Menor. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A Deputación de Ourense seguirá os próximos catro anos en mans do Partido Popular mais, por vez primeira desde 1990, á súa fronte non ficará o apelido Baltar. Esta segunda feira foi investido presidente oficialmente o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, como sucesor dos 33 anos consecutivos de gobernos de José Luís Baltar (1990-2012) e mais o seu fillo, José Manuel Baltar (2012-2023), este último de novo no foco da polémica nas últimas semanas polo seu xuízo por un delito contra a seguridade vial, logo de ser 'cachado' a 173 e 215 quilómetros por hora (km/h) no mesmo día.

Luís Menor, que compatibilizará os cargos de presidente e rexedor, foi elixido esta mañá no pleno de constitución da corporación provincial, que tivo que aprazarse debido aos recursos electorais interpostos no concello de Celanova, o que atrasou a proclamación de deputados e deputadas polo partido xudicial de Ourense.

A sesión plenaria, prevista para as 12 horas, comezou con puntualidade. Após conformarse a Mesa de Idade presidida polo que no mandato de Manuel Baltar era vicepresidente, Rosendo Fernández, como o de maior idade, e co deputado Diego Fernández como o menor, procedeuse entón á presentación dos candidatos a tomar a substitución dun Manuel Baltar que levaba xa 11 anos á fronte.

Foron tres as propostas: Luís Menor polo Partido Popular; Armando Ojea, por Democracia Ourensá, e Álvaro Vila, polo PSOE. O BNG foi o único partido con representación provincial que non propuxo candidato. Os deputados aceptaron a votación a man alzada e na primeira non houbo maioría absoluta, pois socialistas e nacionalista votaron por Vila, logrando dez votos; o PP por Menor, con 12, e o tres de DO, de acordo co pacto no seu día subscrito co PP, por Armando Ojea. Isto permitiu que, ao votarse a si mesmos os 'populares' no Concello, Gonzalo Pérez Xácome fose reelixido rexedor. E esta segunda feira foron os de Democracia Ourensá os que se votaron a si mesmos na Deputación, o que deu pé a que, ao pasar á votación por maioría simple, saíse investido Menor co apoio dos 12 deputados do PP.

Nun ateigado salón de plenos do Pazo Provincial, deputados e asistentes entre os que se atopaba o anterior presidente da institución, Manuel Baltar, así como o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, puxéronse en pé para aplaudir a Menor, que recibía o bastón de mando. Após tomar posesión, deu o seu primeiro discurso como presidente da Deputación e prometeu "confianza" e "cooperación".

Durante case dez minutos, deu as "grazas de corazón" a aqueles que confiaron no seu persona para que hoxe poida recoller o bastón de mando, que sinalou que "non representa a institución provincial" senón aos 92 concellos e "aos máis de 304.000 habitantes que compoñen toda a provincia".

O novo presidente provincial asegurou asumir o reto con "responsabilidade e exixencia", pero antes de avanzar as liñas do seu mandato non se esqueceu de destacar o traballo realizado polo anterior presidente, Manuel Baltar, a quen lle agradeceu o seu "gran acto de xenerosidade" ao apartarse da institución provincial que dirixiu durante once anos, así como a súa "dedicación" e "compromiso". "Non hai maior satisfacción persoal ante tanta confianza", celebrou, á vez que agradeceu o apoio dos seus compañeiros de partido.

Entre as liñas do mandato, asegurou que "planificar" e "priorizar" serán "os alicerces fundamentais" do seu goberno provincial e, neste sentido, adiantou que as dúas directrices serán "a consolidación de obxectivos e a atención aos novos desafíos". "Verán que non marco a cooperación como un obxectivo porque non o é. É a razón de ser", subliñou Menor, quen se dirixiu aos membros da oposición para pedirlles "capacidade de acordo" e "a máis absoluta implicación" en "este proxecto" que "se chama provincia de Ourense".

O sector do viño, o sector primario, a gastronomía e o termalismo, así como a potenciación do turismo foron algúns dos puntos nos que fixo fincapé o mandatario provincial prometendo apostar por "desenvolver unha estratexia de aproveitamento das oportunidades", entre as que resaltou o peso da alta velocidade. Ademais, puxo o foco na debilidade da provincia lembrando que a idade media ourensá supera os 51 anos de idade, polo que falou da perda de poboación. Tamén asegurou que loitará contra o cambio climático e resaltou o papel do centro contra incendios de Toén.

Menor concluíu o seu discurso manifestando a importancia de "estabelecer diálogos para fixar liñas de colaboración en proxectos estratéxicos" e, neste sentido, aproveitando a presenza do presidente da Xunta de Galicia na sala prometeu: "Chamarei a todas as administracións", e chanceou dicindo "non miro a ninguén".

Comentarios