PP, PSOE, BNG e DO elixen representantes para a Deputación de Ourense

Democracia Ourensá facilitará a investidura do candidato do PP, Luís Menor, a cambio do apoio recibido para que Gonzalo Pérez Xácome seguise como alcalde na cidade.
Pleno da Deputación de Ourense nunha sesión do anterior mandato. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pleno da Deputación de Ourense nunha sesión do anterior mandato. (Foto: Nós Diario)

As 25 deputadas e deputados que conformarán o novo pleno da Deputación de Ourense xa foron aprobados coa elección esta segunda feira dos concelleiros electos polo partido xudicial de Ourense, que fora aprazada debido á presentación dun recurso electoral en Celanova. Tanto os representantes do Partido Popular como os do Partido Socialista, o Bloque Nacionalista Galego e Democracia Ourensá acudiron aos xulgados para votar a man alzada os candidatos que ocuparán os escanos de cada formación en representación do partido xudicial ourensán, o que outorga a maior parte dos membros da corporación provincial, pois abrangue 19 municipios da área.

Os máis madrugadores foron os representantes de Democracia Ourensá e o Bloque. Na formación nacionalista, os edís electos xa escolleran os seus representantes o pasado xuño en asemblea. Así, repetirá o edil do concello de Allariz Bernardo Varela e a el sumaranse Xosé Manuel Puga, un dos concelleiros do partido na cidade das Burgas, e María Xosé Mangana, tenente alcalde en Baños de Molgas. Por DO serán deputados o propio rexedor municipal de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome; o tenente alcalde da cidade, Armando Ojea, e Rafael Cachafeiro, o único dos concelleiros sen competencia de goberno no Concello.

A continuación foi a quenda dos socialistas, que formalizaron os sete nomes que tomarán posesión da acta. No seu caso repetirán o alcalde de Taboadela, Álvaro Vila Araújo; a concelleira de Amoeiro Susana Rodríguez e a edil do PSOE en Xinzo de Limia Elvira Lama, pola Xunta Electoral de Ourense. Pola do Ribeiro repetirá o edil de Ribadavia Ignacio Gómez; pola de Valdeorras, Aurentino Alonso, edil no Barco, e pola zona do Carballiño, o concelleiro carballiñés Diego Fernández. A nova incorporación é a representante do partido xudicial de Verín Marina Vaz Quintanillán, edil en Riós.

A última quenda foi a do Partido Popular. Os elixidos pola Xunta Electoral de Zona de Ourense son Luís Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar e a quen Manuel Baltar propuxo a pasada terza feira na Xunta Directiva Provincial como próximo presidente da Deputación, e Rosendo Fernández, vicepresidente do ente provincial o pasado mandato. Aliás, estréanse Marta Novoa, a alcaldesa de San Cibrao das Viñas; a alcaldesa da Bola, María Teresa Barge, e o concelleiro do PP na Peroxa Manuel Seoane. Repetirá Jorge Pumar, edil no concello de Ourense.

Completan a lista do PP o deputado polo Ribeiro, César Fernández, alcalde de Ribadavia; Xosé Miguel Blecua, alcalde de San Xoan de Río; Patricia Torres, alcaldesa de Boborás; Plácido Álvarez, alcalde de Muíños; María del Carmen González, rexedora de Carballeda de Valdeorras, e José María Lago, edil na Gudiña.

O pleno constitutivo da corporación provincial está previsto que se convoque a comezos da próxima semana, aínda sen data concreta, e de cumprírense os prognósticos Luís Menor será o novo presidente da Deputación grazas aos tres representantes de DO, que permitirán a súa investidura a cambio de recalar Pérez Xácome na Alcaldía de Ourense.

Comentarios