18-F

Marta Lois quere crear unha Consellaría "exclusiva" de Igualdade e vese "socia" de Pontón tras ser a súa profesora

A candidata de Sumar defende a presentación de candidaturas nas catro circunscricións —aínda que as enquisas só lle dan opcións en dúas—, porque para a formación "non vai haber galegos de primeira e de segunda".
A candidata de Sumar, Marta Lois. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A candidata de Sumar, Marta Lois. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A candidata de Sumar Galicia á Presidencia da Xunta, Marta Lois, avoga por que o próximo goberno cree unha "Consellaría de Igualdade, exclusivamente", co obxectivo de implementar políticas de xénero de forma "transversal". Lois, que asumiu por "responsabilidade" a encomenda de ser a número 'un' do partido de Yolanda Díaz na Galiza, o que lle fará deixar a vindeira terza feira o seu posto de portavoz no Congreso —e seguidamente o escano—, asegura que Sumar será "clave" para a conformación dun executivo progresista no país do que aspira a formar parte para ser esa forza que "empurre" políticas sociais.

Nunha entrevista concedida á axencia Europa Press, e preguntada á mantenta de que foi profesora de Ana Pontón, e como vería pasar de profesora a ser agora membro dun goberno presidido por ela, Marta Lois respondeu á 'inesperada' cuestión que efectivamente "hai tempo" que se deu esa situación na facultade de Ciencias Políticas. "E por suposto, creo que as traxectorias, neste caso de Ana Pontón, estamos a falar dunha muller madura, con experiencia política moi longa; e creo que ser nun momento dado profesora-alumna nada ten que cambiar nunha relación boa de cordialidade; e estou convencida de que aí non falamos de profesora-alumna, senón que imos falar de socias de goberno", manifestou.

Sobre a proposta da Consellaría, dixo que "a perspectiva feminista ten que acompañar o conxunto das políticas do goberno progresista", polo que Sumar Galicia "quere que haxa unha Consellaría de Igualdade, exclusivamente, dotada de recursos económicos e persoal", xunto cunha remodelación dos CIM —centros de información da muller—.

"Queremos avanzar máis aló da perspectiva asistencialista, que teña maior poder de transformación das políticas públicas de xénero, tamén no rural, nas pequenas vilas, e que teñan horarios que non sexan de nove a dous; se unha muller atópase en situación de emerxencia, non é de recibo que non teñan un horario estendido no tempo, e iso hai que resolvelo no tempo e con máis recursos e persoal", expresou sobre esta medida que avanzou na entrevista a Europa Press, e que se completaría con outras políticas "para a xente", como unha renda básica para mozas e limitar o prezo da vivenda.

Está "convencida" de que o "cambio pasa por un goberno progresista, onde, por suposto, Sumar Galicia quere gobernar". "A miña decisión última para dar este paso ten que ver con que teño experiencia de goberno, sei xestionar recursos públicos e eu, como candidata, quero estar nese goberno. E se hai ese cambio, estou convencida de que Sumar Galicia vai ter un rol importante para a configuración dun goberno para o cambio da próxima década", declarou.

Neste sentido, enmarcou o seu paso adiante nun acto de "responsabilidade". "Teño de sempre, de serie e de familia, un sentido de responsabilidade —en relación a que tamén estaba a desempeñar un papel nun grupo 'decisivo'—. En calquera caso, sempre dixen que eu estaría alí onde se precisase e tamén teño un vínculo moi especial con este país. Creo que o momento de tomar a decisión foi o mellor momento e fágoo con moita ilusión", sentenciou.

Preguntada por Europa Press acerca de se vería conveniente escenificar un acordo entre as forzas da esquerda, Lois reflexionou sobre que os partidos deste espectro poden "ter programas e propostas diferentes, pero non hai que esquecerse do adversario, o único adversario, que é o PP e as súas políticas". "Se falamos diso, estase explicitando que un goberno progresista pasa si ou si por expandir ese voto progresista e polo voto a Sumar Galicia, xunto a outras forzas como o BNG e o PSdeG. E creo que este escenario non é de competición, senón de ampliación de voto progresista", sostivo.

Sumar non quere ir "a medio gas"

Marta Lois incidiu en que Sumar "non quere ir a medio gas e non se conforma con pouco" en canto aos resultados electorais e, ao fío da enquisa do CIS, incide en que é a forza "clave". Neste sentido, defendeu a presentación de candidaturas nas catro circunscricións —aínda que as enquisas só lle dan opcións en dúas—, porque para Sumar Galicia "non vai haber galegos de primeira e de segunda" e falando de problemáticas como as do interior, entre outras, sería "unha irresponsabilidade" non ofrecerlles o seu proxecto.

E en canto ao futuro de Sumar Galicia, que dixo que "viña para quedar", preguntada por un escenario no que non se logre representación, Marta Lois asegurou que "os proxectos políticos non comezan nin rematan nun proceso electoral". "E as responsabilidades políticas que asumimos as persoas, polo menos eu, non rematan nin empezan cando hai unha consulta electoral, agregou, sobre o seu propio futuro e sobre se volvería á universidade en caso de non ser deputada, escenario que dixo que non contempla, "convencida" de que si haberá cambio e goberno progresista.

A repsecto da presenza da vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, destacou que "a pouco que se estea seguindo a campaña, vese que está moi implicada", con visitas a varias localidades e participando "como unha galega máis" na manifestación polo mar do pasado domingo. Así, asegurou que Díaz "vai estar na campaña" da Galiza e que Sumar terá "o luxo" de contar tamén cos ministros e ministras do Goberno.

O 'non' de Anova

Ao ser preguntada pola desvinculación de Anova das alianzas coa esquerda federal —e o 'non' a Sumar do que foi o seu alcalde con Compostela Abert, Martiño Noriega, con ela de 'número dous'—, Marta Lois remontouse a que foi "moi valiosa" a súa "experiencia municipalista": "Veño de aí, foi unha experiencia moi necesaria para apoiar a política de proximidade, pero creo que o camiño neste caso dunha forza política como Anova quedou marcada o propio 23 de xullo, cando a petición que fixeron nas xerais foron para o BNG".

"O camiño é mirar para o futuro; Sumar Galicia é un referente claro das políticas que cambian a vida da xente e non estamos tanto no debate ideolóxico coas forzas progresistas de delimitación de marcos, senón do que lle importa á xente", sentenciou Marta Lois, quen agregou que, con respecto a Podemos, Sumar Galicia "fixo o que tiña que facer, mostrar man tendida por se se quería un lugar común", engadiu, e remachou: "Pero iso xa pasou e miramos sempre ao futuro".

Proxecto estatal

Por outra parte, en canto á conformación do proxecto de Sumar no plano estatal, do que ela formou parte desde o inicio como presidenta, mostrouse "partidaria" de que poida darse a dobre militancia, algo que "non debería suscitar problema", e respondeu que seguro que se valorarán de forma positiva na próxima asemblea mecanismos de "elección democrática", xa sexan primarias ou outro formato, para os liderados e a postos clave do movemento político.

"Son partidaria —da dobre militancia—. Sumar é un espazo que a día de hoxe ten forte musculatura de movemento social pero tamén dun compoñente de acomodación das forzas políticas de esquerda. A dobre militancia enténdoa como algo que non debería suscitar problema", destacou nunha entrevista con Europa Press. É máis, resaltou que ese factor permitirá que Sumar poida aglutinarse, tanto na súa dirección como nos documentos que xurdan da súa cita congresual, como unha fronte ampla.

Comentarios