18-F

Marta Lois lamenta que Rueda diga que estas eleccións "van de axudar a Feixoo"

Lois mantivo unha xuntanza con integrantes do comité de empresa de Navantia.
Marta Lois, o pasado domingo, na Pobra do Caramiñal. (Foto: Elena Fernánez / Europa Press)
photo_camera Marta Lois, o pasado domingo, na Pobra do Caramiñal. (Foto: Elena Fernánez / Europa Press)

A candidata de Sumar á Presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, criticou que o candidato do PP, Alfonso Rueda, dixese "en plenas eleccións galegas" que estes comicios "van de axudar a Feixoo a conseguir o Goberno de España". "Estas eleccións non van de axudar ao señor Feixoo, senón dos dereitos dos traballadores, das súas liberdades, dos seus problemas, da sanidade ou dos servizos públicos; da dependencia ou do ensino", reivindicou.

En declaracións aos medios antes de reunirse con membros do comité de empresa Navantia en Ferrol, Lois lamentou que a cidade departamental sexa "a cidade con máis declive industrial da Galiza", incidindo no caso de Navantia, onde, tal e como detallou, "hai máis de 2.000 traballadores vinculados a esta empresa". Neste sentido, puxo en valor que Sumar leva entre as súas propostas iniciativas que "poñen no centro á industria verde, os empregos de calidade, as enerxías limpas e un cambio de modelo de paradigma para Ferrol e Navantia".

Así mesmo, Marta Lois defendeu que neste final de campaña "hai un voto decisivo para Sumar, xa que están en xogo dous escanos por Coruña e por Pontevedra, que son os escanos que se arrebatan o PP" e que, se esta formación os consegue, engadiu, "o PP e Rueda perden a maioría absoluta". Desta maneira, afirmou, garantiríase o 18 de febreiro "un Goberno progresista, a tres, un Goberno das mulleres e das políticas útiles tamén para o noso país".

"Novas mentiras" de Feixoo

Por outra banda, sobre a publicación de varios medios este domingo de que o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, estaría aberto a un indulto a Puigdemont condicionado a que sexa xulgado e rexeite a vía unilateral e de que, instantes despois o PP matizase que, as súas condicións "non se deron cos indultos do procés", Lois insistiu en que "acabamos de descubrir as novas mentiras do señor Feixoo".

Así, volveu reclamar que os galegos "deben saber cal é a consideración e valoración que fai o señor Rueda". Nesta liña, falou de "mentiras", pero sinalou que "non son as primeiras". "O señor Rueda leva anos mentindo coa sanidade pública, co ensino e agora unha vez máis son uns mentireiros compulsivos e uns hipócritas".

Comentarios