Marta Lois chama a "deixar atrás" as políticas de "abandono" do PP en sanidade

A candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta, Marta Lois, visitou a comarca da Limia onde defendeu a sanidade pública e a cultura do Entroido.

Marta Lois visitou o Museo do Entroido da Galiza, en Xinzo. (Foto: @MLoisgonzalez).
photo_camera Marta Lois visitou o Museo do Entroido da Galiza, en Xinzo. (Foto: @MLoisgonzalez).

En declaracións aos medios este domingo en Xinzo de Limia, Marta Lois lamentou o "déficit en materia de atención sanitaria" no municipio ourensán que, asegurou, non conta con "atención pediátrica". "O desmantelamento da Atención Primaria por parte do PP é unánime en todo o país, pero de maneira específica falamos de deixamento en persoal pediátrico", expuxo.

Por iso, lembrou que Sumar Galicia leva no seu programa "medidas moi específicas" neste ámbito, como o incremento dos orzamentos nun 25%, que calquera atención pediátrica non pode pasar dun prazo máximo de 48 horas nin a atención de urxencias dun máximo de 24 horas.

"Comprometémonos a todo isto. Hai que deixar atrás as políticas de abandono da sanidade pública e de malos tratos aos galegos e empezar un tempo novo, de ilusión e de esperanza, que empeza o 18 de febreiro. Estou convencida de que a conta atrás da saída de Rueda está a piques de cumprirse", manifestou.

Entroido

Ademais, no marco da súa visita ao Museo do Entroido da Galiza, Marta Lois puxo en valor que o entroido de Xinzo sexa "o único que ten recoñecemento de Ben de Interese Turístico Internacional", un recoñecemento que considera que "debería estenderse ao conxunto do triángulo máxico".

Tamén neste caso achacou o "deixamento" do Partido Popular no ámbito cultural e, en concreto, en "o recoñecemento e na aposta por poñer en valor o entroido".

"Feixoo estivo a inaugurar dúas veces este Museo do Entroido da Galiza, que necesita moito máis apoio político decidido en termos de recursos económicos e de atención, porque, lamentabelmente, unha cousa é vir a pseudoinaugurar isto, cando en realidade non houbo un apoio efectivo e tivo que estar pechado por falta de persoal ou por apoio", censurou.

Neste contexto, a candidata de Sumar comprometeuse a que, se os galegos "votan alternativa progresista como fixeron o 23 de xullo", vai haber "un cambio histórico" con Sumar Galicia, que "reverterá as políticas do PP" e "apostará por recursos para defender o entroido de aquí".

Comentarios