Crise dos pellets | Entrevista

María Lago, alcaldesa de Muros: "A colaboración da Xunta na crise dos pellets é case nula"

"A situación é grave", así define a alcaldesa do Concello de Muros (comarca homónima), María Lago, a crise dos pellets que afecta especialmente o seu municipio. 'Nós Diario' conversa coa rexedora para coñecer as problemáticas que se están a dar na limpeza dos areais muradáns e os seguintes pasos a dar.
A rexedora muradá, María Lago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A rexedora muradá, María Lago. (Foto: Nós Diario)

—Como está a situación nestes momentos no concello de Muros coa crise dos pellets?
Agora mesmo é importante destacar que temos todos os areais do concello afectados, sendo Area Maior o que está en peor situación. Pola nosa parte xa temos totalmente coordinada a limpeza dos areais co voluntariado, coas entidades civís e coa empresa que envía a aseguradora do barco que a única que está respondendo. Todo está encamiñado para comezar co traballo en profundidade hoxe mesmo [por esta terza feira] xa con medios máis profesionais.

Outra cousa importante nestes momentos é facer chegar á poboación que é importante non acceder ás praias, sobre todo mentres se está limpando. O que detectamos é que canto máis lisa estea a area do areal mellor á hora de limpar. 

—A respecto da colaboración do Executivo galego. Que tipo de axuda recibiu o Concello de Muros até o de agora?
O único que vimos foi que na fin de semana veu unha empresa da Xunta da Galiza unhas horas para recoller as bolsas cos pellets que xa apañaran as persoas voluntarias e nin así, porque a última hora tiveron que recoller as voluntarias bolsas que deixaran.

A colaboración da Xunta está a ser, se non nula, case nula. Recibimos a carta do conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, dicindo que enviásemos todas as facturas á Consellaría, que enviásemos os informes da situación, que praias tiñamos afectadas mais a colaboración acaba aí. Nin en termos de coordinación, nin co envío de material nin nada, desde o Concello o único que podemos dicir é que se hai colaboración, nós non a notamos.

—O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, subiu esta terza feira a alerta ao nivel 2 despois de ter apostado polo contrario e após o ter feito o Executivo de Asturias. Cal é a súa reacción ao respecto?
A miña primeira reacción cando vin que aumentara o nivel de alarma foi dicir "agora?". Cando xa temos todo encamiñado, cando xa temos coordinados os grupos de voluntariado e coa aseguradora do barco, cando xa avaliamos os areais afectados do noso concello... agora decide Alfonso Rueda subir o nivel de alarma? Isto é algo que tiña que ter feito a semana pasada, no momento en que decretou o nivel 1 xa que a situación naquela altura xa era merecedora de ter un nivel de emerxencia maior.

Até agora tivemos que buscarnos a vida para resolver este enorme problema así que, por suposto que toda axuda que nos poida chegar a partir de agora será benvida pero debemos dicir que chega claramente tarde.

Evidentemente todos os medios que veñan derivados dese aumento do nivel de alarma serán aproveitados e benvidos por parte do Concello e se podemos retirar todos os pellets en tres días mellor que nunha semana, pero o innegábel é que Rueda e o conxunto do Goberno galego chegan moi tarde neste aspecto.

Muros, primeiro concello en fechar un acordo coa armadora

O Concello de Muros fechou coa aseguradora da empresa armadora do Toconao e coas entidades de voluntariado un plan de limpeza dos pellets de plástico nas praias que se puxo en marcha xa hoxe. "Está todo organizado e hoxe mesmo [por esta terza feira]  ás 15 horas comezaron os traballos de limpeza na praia Area Maior”, explicou a alcaldesa, María Lago.

Muros chegou a un acordo coa aseguradora da empresa armadora do buque para realizar estas tarefas. Unha empresa de limpeza contratou 18 traballadores locais para efectuar os traballos coa axuda do voluntariado. Lago asegura que "ante a inacción do resto das Administracións decidimos buscar nós unha solución". "Serán uns traballos tediosos e que levarán un tempo, porque dependen tamén de factores como as mareas, pero non podemos esperar máis, todas as praias do concello están afectadas”, explica Lago.

Hoxe pola mañá decorreu na Confraría de Muros unha xuntanza entre Concello, empresa de limpeza, representantes da confraría, voluntariado e outras entidades civís para coordinar o operativo. Son necesarias unhas tarefas de prelimpeza das praias que fará o voluntariado, para despois encargarse a empresa de limpeza da retirada dos pellets.

Comentarios