María Jesús Novo será a candidata do PP á Alcaldía de Boimorto tras ser expulsada por coarse para a vacina da Covid

Rueda afirma que vai "respectar" unha decisión que atribúe ao PP da Coruña, liderado por Diego Calvo.
Pleno no que a oposición reprobou a actitude de Novo, en febreiro de 2021. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Pleno no que a oposición reprobou a actitude de Novo, en febreiro de 2021. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A finais de xaneiro de 2021 saltou a polémica en Boimorto após coñecerse que a alcaldesa, a popular María Jesús Novo, recibira a vacina contra a Covid-19 antes da súa quenda, nun momento aínda complexo a nivel sanitario con máis de 1.300 persoas hospitalizadas. "Se non ma puñan a min, habería que tirala", alegara entón.

Novo foi vacinada cando aínda non lle correspondía ao ser incluída na listaxe de persoal da residencia de maiores do municipio, cuestión que tentou xustificar alegando que, como rexedora, mantiña co centro unha "relación laboral" ao acudir "todos os días".

Mais de pouco serviron estas explicacións e, ante a presión da oposición, solicitou a baixa como militante do PP tras o anuncio de apertura dun expediente disciplinario e de suspensión cautelar por parte do partido.

Oficialmente fóra do PP... non así da Alcaldía, xa que hoxe segue ostentando o cargo grazas ao apoio constante durante estes dous anos do grupo municipal popular. Agora, aínda sen retomar a militancia, a formación xa confirmou que será novamente a súa candidata, como independente, nos comicios de maio.

Preguntado esta sexta feira pola decisión, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, defendeu que Novo "xa recoñeceu o seu erro" e que vai "respectar" unha decisión que atribúe á delegación provincial do PP da Coruña, liderada polo conselleiro e vicepresidente segundo Diego Calvo.

Comentarios