xoves 09.07.2020
Política

En Marea traballa coa idea de ir ás galegas

Un documento interno recolle a vontade de estabelecer unha "política de alianzas" co resto de forzas progresistas do país
Reunión do Consello das Mareas, presidida por Luís Villares e Ana Seixas (Nós Diario)
Reunión do Consello das Mareas, presidida por Luís Villares e Ana Seixas (Nós Diario)

En Marea marcouse unha folla de ruta para as vindeiras eleccións á Xunta no seu Consello das Mareas que recolle a intención de "acumular forzas" e de estabelecer unha "política de alianzas", pero que dá por feito que a formación rupturista se vai presentarse aos comicios galegos deste 2020.

O documento interno, ao que tivo acceso Nós Diario, foi asinado a finais de novembro do pasado ano e, desde a súa situación interna, apela á "acumulación de forzas" e ao "diálogo" con persoas e colectivos alleos a En Marea para que se "integren" no traballo político "mantendo a súa independencia orgánica". Mais tamén interpela a aqueles que estiveron no espazo da Marea e "se botaron fóra por atenderen directrices marcadas por outras organizacións políticas".

Por outra banda, a "política de alianzas" é definida polo Consello das Mareas como "un diálogo con terceiras forzas políticas" co obxectivo de "explorar a posibilidade de acadar acordos electorais, desbotando explicitamente a posibilidade de fusión orgánica". Unha fórmula para "constatar" a "existencia ou non" da "vontade política de explorar acordos que permitan, sobre unha base programática común, lanzar unha oferta electoral única, calquera que sexa a fórmula escollida para vertebrala".

comentarios