Continúa a pinza da confluencia coa formación conservadora

Marea e PSOE únense a PP e Cs para impor un “orzamento da oposición” ao goberno de Pontevedra

Nunha estratexia perfeitamente orquestrada, os grupos da oposición no concello de Pontevedra apoiáronse entre si para, a meio de emendas, modificar o cerne do proxecto de orzamentos do Goberno. A súa idea é obrigar o executivo local a gobernar co orzamento da oposición.

pleno pontevedra @a3Galicia
photo_camera Un momento dun pleno do concello [Foto: Pontevedra Viva]

Esta mañá realizouse na Comisión de Economía do Concello de Pontevedra o debate do proxecto de orzamentos previo á súa pasaxe, para a súa eventual aprobación, polo Pleno da corporación local. 

O goberno do BNG apresentaba unhas contas por un importe de 72 millóns de euros, 13 dos cales vanse destinar a investimentos. Os orzamentos experimentan un incremento do 2 por cento a respeito dos actualmente en vigor. Fontes do goberno municipal indicaron a Sermos que as distintas partidas “foran negociadas cos distintos grupos municipais e incorporaban non poucas achegas do tecido social e veciñal da cidade”.

O proxecto de contas do goberno local non puido saír adiante na comisión porque os grupos da oposición apoiáronse entre si á hora de aprobar as súas diferentes emendas. O debate deu como resultado un orzamento novo, modificado aquí e alá polas propostas dos distintos grupos. Fixérono en algún caso mesmo contra as alegacións dos técnicos municipais. “As contas tal e como saen da comisión fican desequilibradas e poden ser mesmo ilegais. Compromisos adquiridos polo concello con gastos plurianuais desaparecen do orzamento”, afirman as fontes do goberno local consultadas. “O que é alucinante é que nas conversas previas cos grupos en ningún caso nos explicitaron as propostas de modificación das contas que logo se materializaron nas súas emendas”, afirma.

O proxecto de contas do goberno local non puido saír adiante na comisión porque os grupos da oposición apoiáronse entre si á hora de aprobar as súas diferentes emendas

A Corporación ten 25 concelleiras e concelleiros. O BNG, con 12, está a só un da maioría absoluta. Mais o debate evidenciou que neste momento existe na oposición unha estratexia conxunta de desgaste do goberno de Lores na que participan PP (7 concelleiras e concelleiros), PSOE (3), Marea de Pontevedra (2) e Ciudadanos (1). Nese sentido é especialmente chamativa a pinza entre Marea e o PP, colaboración táctica que están a manter en distintas materias desde a constitución da corporación xurdida das urnas de maio de 2015.

En que medida alterou a oposición o proxecto do goberno? Nunha que o fai practicamente irrecoñecíbel e impracticábel, din desde o goberno local. Sería un orzamento “inaplicábel por este goberno ou por calquera outro” e del foron retiradas, vía emendas, partidas destinadas ao desenvolvimento urbano ou á compostaxe (a merca de composteiros).

É especialmente chamativa a pinza entre Marea e o PP, colaboración táctica que están a manter en distintas materias desde a constitución da corporación xurdida das urnas de maio de 2015

Alén do máis, e grazas a unha emenda do PP apoiada polo resto de grupos, modificáronse as bases de execución do orzamento de xeito que se impedirá na práctica -así o aseguran as fontes do goberno local- que “o concello poda receber transferencias ou subvencións de ningunha outra administración” ao facer descansar a competencia nesta materia no Pleno. “Neste momento é do alcalde e ten todo o sentido porque os prazos de tramitación dos Plenos non se axustan aos prazos de tramitación das subvencións. Sería deixarnos na práctica sen posibilidade de acceder a elas”.

E agora?

O orzamento tal e como foi ditaminado esta mañá pola Comisión de Economía é o que irá ao Pleno da próxima segunda feira. Mais non é seguro que iso aconteza. A competencia para fixar a orde do día tena a Alcaldía, que está a estudar as distintas opcións que se abren con este novo escenario, absolutamente inédito (que un goberno teña que aplicar un orzamento da oposición é algo bastante insólito). Entre os aspectos a valorar, as dúbidas sobre a legalidade duns orzamentos que, tal e como ficarían, rachan con compromisos económicos previos do concello.

"Valorámolo como unha moción de censura covarde. Non se atreven a presentar unha alternativa e o que fan é intentar bloquear e inviabilizar a acción do goberno", afirman desde o executivo local.

Comentarios