En Marea, PSdeG e BNG forzan unha comisión de investigación no Parlamento sobre a morte no PAC da Estrada e os recortes na Sanidade

Os socialistas súmanse á proposta formulada esta cuarta feira na sesión de control ao presidente por nacionalistas e ‘confluentes’. Feixóo lembra que o tema xa está en mans de Inspección Sanitaria.

Parlamento da Galiza

En Marea, PSdeG e BNG pactaron unirse para que no Parlamento se cree unha comisión de investigación sobre a norte dun paciente no PAC da Estrada e as consecuencias dos recortes en Sanidade. Unha comisión que sairá adiante embora non a apoiar o grupo que ten a maioría absoluta na Cámara, o PP, xa que o regulamento do Parlamento incorpora a posibilidade de crear, de forma automática, unha comisión de investigación en cada lexislatura se o solicitan un terzo dos 75 deputados que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou ben dous quintos da Cámara. Confluentes,socialistas e nacionalistas suman 34 parlamentares, polo que poden activar este procedemento.

Na sesión de control desta cuarta feira, BNG e En Marea puxeron sobre a mesa a necesidade dunha comisión de investigación sobre o acontecido no PAC da Estrada a inicios de agosto, coa morte dun paciente sen recibir atención médica, e abrindo así a porta a analizar as consecuencias dos recortes en Sanidade. Esta quinta feira, os socialistas anunciaban que se sumaban a esa petición.

Após unha xuntanza entre representantes das tres formacións, estas acordaron rexistrar conxuntamente esa petición, o que permitirá crear a comisión de investigación.

A oposición lerva anos denunciando os recortes en sanidade baixo os gobernos de Feixoo, advertindo que iso implica consecuencias graves.

Comentarios