A marea chega a Vigo a prol dunha candidatura cidadá para as municipais

Lanzan un manifesto co que procurar apoios e encetar un proceso semellante á Marea Atlántica na Coruña que remate coa constitución dunha candidatura "unitaria" nas eleccións municipais de 2015.

A Marea de Vigo saíu á rede na procura de apoios para a constitución dunha candidatura cidadá ás eleccións municipais. O primeiro chanzo, ao igual que aconteceu coa Marea Atlántica na Coruña, é recompilar asinantes a un manifesto pendurado na rede co que testar o apoio social co que contaría o proxecto e, posteriormente, artellar un "proceso asambleario" co que artellaren "unha candidatura unitaria capaz de vencer os partidos do sistema e acadar", din, "o goberno muncipal de Vigo". De antemán, avanzan que se constituirá por medio dunha "convocatoria de primarias abertas". 

Promoven a creación dunha "candidatura unitaria" para as municipais arredor dun "programa común da esquerda rupturista"

A idea, apoiada inicialmente por varias ducias de persoas, visa, sinalan no texto feito público, "producir un renacemento ético, político e cultural" que supere "o sistema capitalista" e as "xestións dos partidos corruptos e obedientes ás minorías privilexiadas". 

Chaman, neste senso, a agrupar forzas cara á "un cambio radical" que rache, afirman, con "esta situación de caos e sufrimento" que atinxe a cidade olívica para tornar Vigo "no centro dunha área metropolitana que converta a nosa comarca nun dos principais eixos do desenvolvemento social do país". 

Reclaman o fin da "especulación urbanística" e dos "desafiuzamentos" mais tamén un "goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel" mais que "promove e que respecte a nosa lingua e a nosa cultura, agora mesmo maltratadas pola Xunta de Feijóo". 

Entre as persoas asinantes atópanse traballadoras sociais, sindicalistas, estudantes e tamén coñecidos nomes da cultura como Antón Reixa, Antón Durán 'Morris', Antón Patiño (pintor), Méndez Ferrín (escritor), Xosé María Álvarez Cácamo ou o historiador Celso López Pazos. 

Comentarios