En Marea afirma que o 26M “iremos a por todas”

"A nosa voz nos Concellos" e "A nosa voz en Europa" van ser os lemas para a dupla cita do 26 de maio. Confía no traballo feito estes anos por Lidia Senra como aval para os comicios europeos e apela ao “músculo municipalista” do seu cento de candidaturas aos concellos.

xoan hermida ana seijas en marea
photo_camera Xoan Hermida e Ana Seijas.

En Marea afronta con confianza e ilusión a dupla cita electoral do 26 de maio, municipais e europeas. "O 26 de maio iremos a por todas para conseguir un cambio real para o país”, manifestou a viceportavoz de En Marea, Ana Seijas, na presentación dos lemas de campaña. “Estamos a pleno rendemento, do lado da xente nos municipios, das mareas locais que son o noso músculo. Queremos tamén unha Europa máis democrática e social, unha Europa que estea do lado da xente". 


A nosa voz nos Concellos e A nosa voz en Europa serán os lemas da formación para esas eleccións. "Saímos con forza, da man do cento de candidaturas espalladas por todo o país", asegura Seijas, que destaca a presencia de En Marea en catro das sete cidades galegas, a través de Lugonovo, Marea de Pontevedra, Ourense Mellor e Marea de Ferrol
 

A viceportavoz comprometeu “traballo e apoio” para as candidaturas municipais que o 26 de maio representarán ese proxecto "transversal e de aposta pola democracia”. 


A respecto dos comicios europeos, En Marea aposta en "poñer en valor todo o traballo feito pola nosa candidata Lidia Senra nos últimos anos" para levar a voz de colectivos sociais e cidadáns ás institucións eruopeas.


O responsábel de Análise e Comunicación, Xoán Hermida, animou o PSOE a ollar cara á esquerda e instou Podemos a antepor o interese xeral ao particular e ao reparto de ministerios. "Hai que priorizar e axilizar a investidura e separala do goberno", asevera o representante de En Marea, que tamén fixo referencia á preocupación da formación pola conformación dun novo escenario estatal no que non existe unha axenda galega.

 

Comentarios