En marcha a fronte común contra o 'pucheirazo' do PP

BNG, Anova e Esquerda Unida acordaron artellar accións conxuntas contra a reforma electoral anunciada polo goberno español.

A vindeira cuarta feira (17 de setembro) terá lugar un novo encontro, aberto á participación de novas organizacións e movementos sociais. Após esta primeira xuntanza, BNG, Anova e Esquerda Unida avanzaron que comezarán a traballar nunha resposta conxunta contra o que din é "un atentado institucional contra a democracia". 

No encontro, que se desenvolveu na capital galega, tamén fixeron parte das conversas representantes da Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Federación Rural Galega (Fruga). Cumpre lembrar que o PSdeG-PSOE declinou a proposta lanzada polo Bloque. 

"Un golpe de estado"

Todas as formacións presentes concluíron en sinalar á saída que "é absolutamente necesario facer esa fronte común contra a reforma antidemocrática do PP, que resta pluralidade política e que consideramos un golpe de estado á democracia, máis aló de que se pacte deixar a proposta ata despois dos comicios municipais de maio de 2015", indicou a responsábel de acción municipal nacionalista, Goretti Sanmartín Rei. 

O 17 de setembro convocan a máis colectivos e organizacións a se sumaren á iniciativa para artellar unha campaña explicativa entre a sociedade 

Sanmartín referiuse así ao acordo anunciado o 11 de setembro polo presidente do goberno español, Mariano Rajoy, entre o PP e o PSOE que retira das negociacións entre ambos os dous partidos a proposta de escolla directa das alcaldías. Este feito podería conxelar a reforma eleitoral até despois dos comicios municipais do 2015 mais BNG, Anova e EU conclúen que "vai seguir estando riba da mesa" polo que, din, "é necesario aproveitar este espazo de tempo para facer unha intensa campaña social do que significa a reforma, de cales son as súas bases, para que a cidadanía saiba que está en xogo". 

Así, nas vindeiras semanas iniciarán os traballos para artellaren, xunto con "moitas forzas políticas, sociais, sindicais e colectivos", explicou o deputado de AGE Xabier Ron, que se sumaren á fronte, unha campaña explicativa á cidadanía, sen descartar mobilizacións. 

Entre @s asistentes, estiveron Carlos Portomeñe e Xabier Ron por EU, Rafael Dopico e Esther Duro por Anova, Marga Corral pola CIG e Manuel da Cal, por FRUGA, para alén da propia Goretti Sanmartín do BNG. 

Comentarios