Yolanda Díaz incorpora Manuel Lago e Marilar Aleixandre ás listas de Sumar

O economista e asesor de Díaz será o número 'dous' ao Congreso pola Coruña, após Marta Lois, mentres a escritora será candidata ao Senado.
A líder de Sumar, Yolanda Díaz, nun acto político decorrido este pasado domingo. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera A líder de Sumar, Yolanda Díaz, nun acto político decorrido este pasado domingo. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

O economista e asesor do Ministerio de Traballo Manuel Lago será o número 'dous' da candidatura de Sumar ao Congreso pola circunscrición da Coruña, que presenta outras novidades na configuración das listas para o Senado como a escritora Marilar Aleixandre e José María Sánchez Aguión, secretario xeral de Comisións Obreiras na Galiza entre 2009 e 2017. Sumar Galicia, marca baixo a que se presenta no país a coalición liderada por Yolanda Díaz, desvelou as listas para as eleccións do vindeiro 23 de xullo esta segunda feira, día no que expira o prazo para rexistrar as listas electorais.

A Marta Lois e Verónica Martínez Barbero, números 'un' polas circunscricións electorais da Coruña e Pontevedra, súmanse José Antonio Rodríguez Añón, profesor de Física Aplicada, que encabezará a lista por Lugo, e Víctor Ferreiro Outomuro, responsable de Podemos en Ourense que lidera a lista de Sumar nesta provincia.

Natural da comarca da Mariña, Rodríguez Añón desenvolve a súa carreira como docente na USC, onde imparte materias vinculadas á enerxía e o cambio climático. Pola súa parte, Víctor Ferreiro é o secretario xeral de Podemos en Ourense desde o nacemento da formación. Nado en Barcelona mais ligado á cidade das Burgas desde hai décadas, foi candidato de Galicia en Común-Unidas Podemos ao Senado na dobre cita electoral do ano 2019.

Deste modo, Sumar completa os postos de saída nas circunscricións galegas, que lideran nas dúas que máis escanos reparten (A Coruña, 8; Pontevedra, 7) a presidenta do partido que auspicia a candidatura e ex concelleira de Compostela Aberta na capital, Marta Lois, e a ex directora xeral de Traballo con Díaz no Ministerio, Verónica Martínez Barbero.

Aliás, na Coruña, o ex parlamentario por En Marea Manuel Lago será o candidato número 'dous', posto que, na circunscrición pontevedresa, ocupa a responsábel de Política e Comunicación de Podemos na Galiza, Verónica Hermida. Non estarán nas listas os noutrora deputados de Unidas Podemos Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez 'Pam'.

Senado

Para o Senado, a formación impulsada pola política suma a escritora Marilar Aleixandre, membro desde 2017 da Real Academia Galega e ligada aos proxectos do espazo das mareas na Galiza desde os seus inicios e quen, de feito, fechou a lista de Compostela Aberta xunto ao ex alcalde Martiño Noriega.

Tamén se postula como aspirante a representar Sumar no Senado pola circunscrición da Coruña o que foi máximo responsábel do sindicato Comisións Obreiras na Galiza entre os anos 2009 e 2017, José María Sánchez Aguión.

E o cabeza de lista ao Senado en Pontevedra tamén procede do sindicalismo. Trátase de Roberto Ucha, ligado a Comisións Obreiras, onde desempeñou responsabilidades na área de pensionistas e xubilados.

Comentarios