A "manipulación" da CRTVG chega á comisión de control do ente público

O director xeral da Corporación Radio e Televisión da Galiza, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu onte, durante a primeira comisión de control da CRTVG da nova lexislatura, "a resposta extraordinaria" do ente público ante unha "situación extraordinaria" marcada pola pandemia de Covid-19.
Sánchez Izquierdo, Parlamenteo (EuropaPress)
photo_camera Imaxe de Sánchez Izquierdo (á dereita), nunha comparecencia previa no Parlamento galego.(Europa Press)

Este labor, dixo Sánchez Izquierdo, está a ser recoñecido desde "múltiples sectores da sociedade". Desta maneira, restou valor a todas as críticas e as denuncias formuladas durante o estado de alarma, mais tamén durante a precampaña e a campaña electoral, de manipulación informativa tanto na televisión como na radio públicas polas que lle preguntou a deputada socialista Noa Díaz en sede parlamentaria.

"Se a radiotelevisión pública galega é vital para o mantemento do espazo público democrático e o reforzamento da identidade do pobo galego, cremos que na situación de alarma sanitaria máis grave da historia democrática do noso país na que nos atopamos, é máis necesario ca nunca que a CRTVG cumpra coa misión de servizo público, garantindo unha información de proximidade que respecte os principios de pluralidade, imparcialidade, neutralidade e veracidade informativa", sinalou a deputada socialista, quen lembrou os 118 Venres Negros cos que os e as profesionais do servizo público galego levan denunciando o seu deterioro.

Porén, para Sánchez Izquierdo, a Radio Galega e a Televisión da Galiza "entenderon a súa responsabilidade como servizo público" e neste sentido "comunicaron todas as actuacións" que durante a pandemia emanaron de distintas fontes para garantir a información da cidadanía.

O director xeral da CRTVG salientou o esforzo da corporación para aumentar os espazos informativos e xerar máis contidos con menos xente "nun contexto de reorganización interna sen precedentes".

"O que fixeron os traballadores da CRTVG foi dar un paso adiante, o maior en 35 anos de servizo público", resaltou. 

Difusión do cinema

A sesión valeulle tamén ao BNG para poñer de relevo a responsabilidade do ente público na promoción da creación audiovisual galega e en galego, así como na difusión da creación cultural do país, e censurar os horarios de difusión do cinema, tanto o propio como o dobrado, na canle pública.

"Para nós é unha cuestión básica cambiar os horarios do cinema para que sexa accesíbel ao público xeral e podería facerse, o que pasa é que non hai vontade política", advertiu a deputada Alexandra Fernández, quen lembra que a CRTVG ten a responsabilidade de prestar un servizo público "máis alá das cotas de pantalla". 

"Nos principios fundacionais da TVG está ser dinamizadora do sector e isto tamén pasa pola difusión", recordou, desbotando os argumentos do dirixente da CRTVG sobre o baixo nivel de consumo que ten o cinema entre os espectadores e espectadoras do país e lembrando que as películas pásanse con frecuencia despois sa medianoite. 

Segundo manifestou Sánchez Izquierdo, como resposta, a canle pública galega inviste "mesmo máis" que outras co duplo de orzamento e, com exemplo puxo os 30,1 millóns 2018 ou as 17 longametraxes nas que participou o ano pasado, con 666.000 euros. No que vai deste ano, os proxectos con intervención da CRTVG reducíronse até os nove.

Comentarios