Comportamento semellante das nacións sen Estado

A maioría da sociedade galega quere diálogo con Catalunya, con só un 28% a defender o 155

A sociedade galega está polo diálogo con Catalunya. Segundo un inquérito de El Periódico, 62,4% das galegas e dos galegos apoian as conversas co bloque independentista, fronte a un raquítico 28,3% a prol da aplicación do 155. A conclusión do estudo é que a opción polo diálogo, maioritaria en todo o Estado, éo moito máis nas nacións sen Estado.

catalunya
photo_camera Imaxe dunha marcha galega en solidariedade con Catalunya

O estudo feito polo instituto GESOP para El Periódico deita os seguintes resultados no conxunto do estado: 52,6 por cento das persoas entrevistadas están pola vía de dialogar coas forzas soberanistas catalás, en tanto que apenas 37,3 se aliñan coas posicións políticas (PP, Cs e Vox) dos partidos que preconizan a aplicación dun 155 permanente.

A aposta nunha saída negociada a este conflito político é máis intensa nas nacións sen estado. As percentaxes a prol do diálogo alcanzan o seu teito loxicamente en Catalunya, con 86,7 por cento fronte a un escuálido 6,9 partidario do 155. En Euskadi decántanse polo diálogo 74,1 por cento (19,6 polo 155), en tanto que na Galiza chaman a sentar arredor dunha mesa de negociación máis do dobro das galegas e galegos que desexan unha nova suspensión do autogoberno no Principat: 62,4 por cento fronte a 28,3 por cento.

Con estes dados sobre a mesa é evidente que a posición política que está a defender Feixoo e o aparato do PPdeG —indistinguíbel da adoptada por Pablo Casado desde Génova—non acha correspondencia coa sensibilidade social maioritaria no país, un dato que a bon seguro as direccións de campaña das distintas forzas políticas terán que ter en conta á hora de formular, ou matizar, as súas estratexias de comunicación no xa inminente combate electoral.

Non é este inquérito o único dos que se publicaron estes días en que se ausculta o estado da opinión pública a respecto de como achar unha saída ao labirinto catalán. Tamén La Vanguardia publica esta segunda feira un traballo na mesma liña, con resultados similares: 52,3 por cento das persoas entrevistadas no conxunto do estado a prol do diálogo face 34,2 por cento a favor do 155. En Catalunya, 78,5 por cento pola negociación fronte 13,5 pola intervención do autogoberno desde Madrid. Neste inquérito non se facilitan dados sobre Galiza.

Comentarios