Luís López 'Lugués' entra nas quinielas do PP á Deputación de Pontevedra

Dirixentes locais, remisos a que Fernández-Tapias ocupe ese cargo, ven no líder provincial do PP unha vía de consenso.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e Luís López 'Lugués', presidente da Deputación de Ponrt nun acto recente. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e Luís López 'Lugués'. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, segue sen dar por fechado quen será o ou a aspirante a presidir a Deputación de Pontevedra, tras lograr a formación arrebatarlle o bastón de mando provincial ao PSdeG na última cita coas urnas. "Até despois do 17 de xuño non toca falar das Deputacións", remarcou esta terza feira.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, durante unha visita á planta de Profand, en Vilagarcía de Arousa (comarca do Salnés), e na mesma xornada na que Luís López entrou con forza nas 'quinielas', xa que, a diferenza doutras opcións como a viguesa Marta Fernández-Tapias, conta co respaldo inicial de alcaldes de peso na provincia.

Distintas fontes do ámbito local apuntan que 'Lugués' (como é coñecido no seu círculo de confianza) suporía unha "vía de consenso" e así llo transmitiron nos seus contactos co líder galego do partido.

O talante de López e evitar bicefalias no ámbito provincial (tomou as rendas das mans de Alfonso Rueda do partido en Pontevedra) serían dous factores a favor, pero os rexedores tamén inciden en que se evidenciaría un recoñecemento aos resultados xerais na provincia o 28 de maio. Porén, para que Lugués poida ser presidente da Deputación de Pontevedra, o popular tería que "facerse" cunha acta de concelleiro

E é que Luís López fechou a lista do PP de Rodeiro como último suplemente, de xeito que para presidir a entidade provincial terían que renunciar en cascada todos e todas as candidatas que o anteceden, e o grupo municipal popular (onde os populares perderon a maioría absoluta o 28 de maio) ficaría nunha situación de debilidade ante calquera outra dimisión. 

En cambio, optar por Fernández-Tapias, tratando de converter "unha ferramenta clave" para os municipios nunha "plataforma para promover" á viguesa na cidade olívica, podería suporlle a Rueda máis desgustos a nivel interno.

Dentro do partido, hai quen apunta a que as listas das eleccións xerais abren un novo escenario e algúns populares xa situarían a Fernández-Tapias no Congreso, aínda que outras fontes do PP de Vigo sinalan que este paso “non tería sentido nin beneficiaría o seu labor de oposición” na principal cidade da Galiza. Outras voces inciden en que podería ocupar a vicepresidencia da institución provincial.

Rueda: "Sairán moitos nomes"

A preguntas dos medios, Rueda asegurou que o seu partido ten "moi claros os prazos" e que, até despois do 17 día de xuño, día no que se constitúen as corporacións municipais, "non toca falar da Deputación".

"No que nós agora mesmo estamos ocupados é na conformación dos Gobernos locais", dixo o dirixente popular, quen insistiu en que o importante non é quen presida a institución provincial, senón "o que vai facer a Deputación durante o próximos catro anos".

É por iso que o presidente dos populares asegurou que a partir do 17 de xuño non só se vai a decidir quen vai presidir a Deputación senón que se tamén se decidirá a formación dos distintos equipos de traballo en cada área.

Rueda recoñeceu que é consciente de que até esa data "haberá moitas especulacións e sairán moitos nomes" á palestra. "Iso quere dicir que o PP ten moita canteira e moita xente válida para moitos postos", concluíu.

 

Comentarios