Luces e sombras nos espazos verdes das cidades galegas

As cidades galegas presentan grandes diferenzas entre elas á hora de analizar os seus espazos e zonas verdes. De concellos como Compostela ou Pontevedra, dentro dos marcos marcados pola Organización Mundial da Saúde, até Vigo, das máis febles en canto ao seu "músculo verde".
parque restolla saltianfo zona verde

Se hai unha cor que se adoita identificar coa Galiza é o verde. Nas súas diferentes tonalidades, de prados, fragas, piñeirais, eucaliptais, toxeiras... E tamén dos parques e espazos verdes das cidades, se ben aquí danse diferenzas entre as urbes. Non todas elas seguiron a mesma política a respecto das superficies verdes mais tampouco todas parten dos mesmos parámetros históricos de desenvolvemento urbanístico e medre poboacional, que condicionaron  en certa medida as superficies verdes existentes. 

A capital vasca, Vitoria-Gasteiz, é a cidade do Estado español, e unha das europeas, con mellor proporción de metros cadrados de zonas verdes por habitantes: case 27 metros cadrados por habitante. A capital galega, Santiago de Compostela, está perto desa cifra, con 25 metros cadrados. É a cidade galega con mellor ratio, grazas en boa medida a unha política continuada desde hai décadas na que se foron engadindo parques e zonas verdes por case todos os barrios. Hoxe en día suma máis de 2.200.000 m2 destes equipamentos.

No outro extremo cómpre citar Vigo. O propio alcalde, Abel Caballero, recoñecía en 2020 que a principal cidade da Galiza era unha das urbes do Estado "con menos espazo común cidadán, con menos zonas verdes". Naquela altura andaba por volta de millón e medio de metros cadrados. O Concello confiaba para reverter esta realidade nun PXOM -aínda sen aprobar- que contemplaba duplicar a superficie de parques e zonas verdes, mais proxectos anunciados neste mandato con elementos arbóreos  foron inaugurados e continúan a día de hoxe sen vexetación, como a Porta do Sol.

Non é o tamaño o único que importa

Mais á hora de tomar o pulso aos espazos verdes non todo é o tamaño ou a proporción de metros cadrados por habitante. Sábeo ben o Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGB), órgano de referencia nestas análises, que estudou a situación de 866 cidades europeas, un cento delas no Estado español e entre elas as sete urbes principais da Galiza. En base a uns criterios -de porcentaxes de áreas verdes até a vexetación da mesma en base a recomendacións da OMS, pasando pola poboación dunha cidade que vive perto ou non de zonas verdes- fixa un ranking. Compostela é a cidade galega que mellor parada sae desta análise e A Coruña, pola contra, a que peor.

En canto ao Índice NDVI, aquel que indica o 'verdor' dunha cidade e a saúde da súa vexetación; a capital galega figura no posto 838 entre as 866 cidades analizadas. Nesta lista do ISGB, canto máis baixa é a posición, peor. Aí figuran A Coruña, posto 10 entre as 866 e Ferrol, número 40. Tras  Compostela, quen ten mellores niveis neste apartado é Pontevedra, no posto 480 do total de 866.

Outro criterio neste estudo é o da porcentaxe GA (zona verde). Compostela ten a mellor posición das cidades galegas, 859 entre as 866 europeas; seguida de Pontevedra (832). En canto á poboación que vive en áreas con menos de 25% de superficie verde recomendada atópase 66% da veciñanza da Coruña, 55% de Vigo e 40% de Ferrol. No outro extremo están compostelás e pontevedresas, onde só 24% e 30% viven nesas áreas.

As propostas para crear espazos e zonas verdes son un fixo nos programas das candidaturas a unhas eleccións municipais, tamén nas que concorren ao 28-M.

Propostas

O PP, por exemplo, pide na Coruña "un Plan integral para os parques municipais que mellore e amplíe as nosas zonas verdes". Demandas semellantes fai no resto de cidades galegas -non goberna en ningunha delas-, insistindo na necesidade de ter máis espazos verdes.

Desde o BNG reclámanse actuacións nestes espazos para beneficio da cidadanía. Así, na Coruña avoga por "ampliar e conectar" os parques da cidade, en Compostela chama a impulsar e xestionar “a gran transformación de Santiago nunha capital verde europea” e en Vigo posiciónase por "reconciliar a cidade co seu litoral [...], facer do río Lagares o pulmón verde e azul da cidade e pondo fin ao arboricidio dos últimos anos".

O programa marco feito público polo Partido Socialista, pola súa parte, fala de "espazos verdes a menos de 15 minutos a pé, en bicicleta ou en transporte público", e apunta a fórmula '3/30/300': que se poidan ver tres árbores desde casa, 30% de cobertura vexetal na rúa onde se reside e 300 metros de distancia até o espazo verde máis próximo".

300 mortes que se poderían evitar

Nas cidades galegas poderían evitarse case 300 mortes anuais de se cumprir as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) a respecto de zonas verdes. O Instituto de Saúde Global pon A Coruña e Vigo como as urbes onde máis falecementos se evitarían, 115 e 78, respectivamente. Non poucas voces entre especialistas e urbanistas apuntan aos beneficios para a saúde física e mental da presenza de zonas verdes nas cidades. Fálase mesmo destes espazos como un "sistema natural de saúde pública".

A dispoñibilidade de zonas verdes "fomenta estilos de vida activos e saudábeis, melloran a saúde mental, preveñen enfermidades e facilitan a relación entre as persoas", indica o estudo Espazo Verde e Saúde da UE A este peso no benestar contribúen tamén os denominados espazos azuis, en referencia a aquelas áreas con mar ou ríos das cidades, e que na Galiza tamén presentan diferenzas entre elas, desde unha Pontevedra e A Coruña abertas ao río e o mar, respectivamente, até un Vigo e Ferrol 'fechados' ás súas rías.

Comentarios