28-M

Lores pide o voto "a quen queren a Pontevedra por riba de intereses, compadreos e siglas"

O alcalde e candidato á reelección, acompañado de Ana Pontón, advirte que "nada, absolutamente nada", está gañado aínda en Pontevedra.
Ana Pontón e Miguel Anxo F. Lores, no feche de campaña do BNG de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Miguel Anxo F. Lores, no feche de campaña do BNG de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

O candidato do BNG á reelección como alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, apelou esta sexta feira ao voto de quen "queren a Pontevedra por riba de intereses, afinidades, compadreos e siglas". O rexedor nacionalista contou co apoio da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na súa declaración pública de feche de campaña.

Rodeado dos integrantes da súa candidatura e diante a Casa do Concello, Lores insistiu en que o BNG "é garantía dun goberno que fixo o que prometeu", fronte a alternativas "que asolagaron a campaña de promesas incumpríbeis" ou que "sabotaron" a cidade.

O candidato á reelección recalcou que o seu proxecto é "integrador" e ten "o aval de lograr que a nosa Pontevedra sexa un referente no mundo". mentres que "os demais teñen a pesada laxa de sabotar Pontevedra".

Neste senso, citou diferentes proxectos do Goberno estatal e da Xunta como son o paseo a Marín, o vial de Mollavao, a dragaxe da ría ou a variante de Alba, así como a liberación da Xunqueira de Alba, entre outros.

Lores advertiu aos seus potenciais votantes que "nada, absolutamente nada, está gañado". E a mesma advertencia lanzou Ana Pontón, que salientou que "é moito o que está en xogo", en referencia ao "proxecto e modelo propio" da Boa Vila que é "envexado en medio mundo", dixo.

"Todos os demais, e cando digo todos quero dicir todos, o que propoñen é frear e reverter este modelo centrado nas persoas", asegurou a líder nacionalista. Por iso, "para evitar ese retroceso, esa volta a pasado", Pontón pediu o voto "masivo" para a candidatura que encabeza Lores e o "modelo municipal de éxito do BNG que transforma en positivo e mellora a vida das persoas".

Comentarios