28-M

Lores non propón ningunha liña vermella para reeditar o Goberno local de Pontevedra

Pontes di que "non sería desexábel" que Lores non sexa alcalde da cidade do Lérez pero avisa: "O PSdeG non regalará os seus votos".

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde en funcións de Pontevedra, o pasado domingo 28 de maio. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde en funcións de Pontevedra, o pasado domingo 28 de maio. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

O actual alcalde de Pontevedra e candidato á reelección polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, agarda ter o bastón de mando por sétima vez consecutiva se consegue reeditar un pacto de goberno co PSdeG, nesta ocasión encabezados por Iván Pontes.

"Non propoño ningunha liña vermella", dixo esta terza feira Lores despois de que ambos os protagonistas coincidisen na reunión da xunta de Goberno local. "É obvio que temos diferenzas políticas", asumiu Lores, que antepón a "responsabilidade" de ambas as forzas políticas de "chegar a acordos de todo tipo para que Pontevedra siga avanzando".

O escenario despois das eleccións do pasado domingo 28 de maio deixa a corporación pontevedresa con nove edís do BNG, dous menos que a última vez, mentres que o Partido Popular posiciónase como a lista máis votada na cidade con 11 concelleiros e os socialistas gañan unha acta con respecto aos últimos comicios e álzanse cun total de cinco.

"Pontevedra falou e quere que siga sendo alcalde", dixo este martes Miguel Anxo Fernández Lores. "Alégrome moitísimo de que o Partido Socialista sexa da mesma opinión", tal e como expresou Iván Pontes publicamente "e como se comentou na xunto de goberno desta mañá", desvelou Lores.

"Estamos á espera de que se reúnan os organismos competentes de ambas as forzas políticas para iniciar conversacións pertinentes", explicou o candidato do BNG que, do mesmo xeito que apuntou na noite electoral, repetiu que tomaba nota de que "a cidadanía quere que o faga mellor".

“O PSdeG non regalará os seus votos”

O candidato do PSdeG á Alcaldía de Pontevedra, Iván Pontes, tamén analizou esta terza feira o escenario de negociación que se abre co BNG e asinou "non sería nin desexábel nin o máis probábel" que Miguel Anxo Fernández Lores non sexa alcalde, pero advirte de que "o PSdeG non aspira a ser muleta ou bastón nin a regalar os seus cinco votos".

Para Iván Pontes "o partido que baixa debe asumir esa baixada", e iso, segundo engadiu, tamén significa que o Bloque "debe asumir que terá que ceder poder e áreas de responsabilidade", é dicir, "que terá que cambiar a maneira en que se tomaban as decisións e en que se funcionaba dentro da coalición de goberno".

 

Comentarios