Baño de masas do proxecto Pontevedra

Lores estréase como vocalista no lanzamento da precampaña

Nova exhibición do respaldo popular ao proxecto do BNG en Pontevedra. Por volta de 2.000 persoas tomaron parte esta sexta feira nunha cea multitudinaria no Recinto Ferial, a pistolada de saída dunha precampaña que comeza con surpresa: o debut de Miguel Anxo Fernández Lores -imbatido alcalde desde 1999- como vocalista.

"Imos cara adiante" foi o lema co que o BNG de Pontevedra realizou a súa xa tradicional cea no Recinto Ferial, un acto termómetro do respaldo cidadán a un proxecto que goberna este concello desde 1999, con amplo recoñecimento nacional e até internacional (a boa vila é coleccionista de premios e distincións por distintas iniciativas de humanización da urbe).

A cea tivo o seu momento mítin, con intervencións da concelleira Anabel Gulías, a portavoz nacional do BNG Ana Pontón e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Gulías falou do grupo de goberno como unha equipa "cohesionada, honesta e comprometida", Pontón dixo ver Lores "máis en forma do que nunca" e o candidato á reelección afirmou que o proxecto Pontevedra trascende o propio BNG e xa pertence "a todas aquelas persoas que lle queren a Pontevedra, que queren un futuro mellor e están dispostas a deixar de lado prexuízos e ataduras e sumar forzas para avanzar".

Pontevedra como proxecto e tamén como modelo, "referente positivo" non só a escala nacional, senón tamén internacional. "Nunca na historia viuse na cidade o actual volume de investimentos, tanto municipal como de outra administracións", dixo Lores.

Toda cea que se precie debe gardar algún prato surpresa. Desa volta foi a estrea de Lores como vocalista no vídeo de lanzamento da precampaña do BNG, unha gravación en que o líder nacionalista se mide musicalmente con Mariña, a vocalista da banda Furious Monkey House, Cora Sayers ou Xaquín Moreda, integrante de Maravallada.

Comentarios