Lidia Senra: "Ténsenos que conceder o dereito a pescar e a producir alimentos"

A candidata de AGE ás europeas defende a loita pola soberanía alimentaria contra os intereses das multinacionais

Lidia Senra durante o mitin
photo_camera Lidia Senra durante o mitin

A cabeza de lista de AGE, Lidia Senra, centrou este domingo o seu mitin en Cangas do Morrazo na política agraria e pesqueira común europea. Senra apostou por potenciar a pesca artesanal e o marisqueo, “fronte aos intentos da acuicultura intensiva de destruír as nosas costas e recursos do mar”, como fórmula para reactivar o emprego no mar galego.

“Deste xeito moitos mozas e mozos non terían que emigrar, e falariamos dun país cheo de xente”, asegurou. A candidata de AGE defendeu a loita pola soberanía alimentaria como a loita de todo o pobo. “Ténsenos que conceder o dereito a pescar e a producir alimentos, e ten que ser repartido de tal xeito que creen postos de traballo, non para beneficiar aos de sempre”, concluíu en referencia ás presións das multinacionais nas decisións da Unión Europea.

“Ténsenos que conceder o dereito a pescar e a producir alimentos, e ten que ser repartido de tal xeito que creen postos de traballo"

Anunciou ademais que traballarán nas institucións europeas para fixar unha claúsula internacional contra os intentos de manipulación e expolio dos recursos naturais. Neste senso, apuntou a un modelo de aproveitamento sustentable “que permita asegurar o abastecemento para as xeracións presentes e futuras”

“Apostamos polo desenvolvemento de políticas que aposten pola recuperación dos ecosistemas da beiramar, a protección da liña costeira e a fixación de poboación no medio rural e mariñeiro”, asegurou Senra ante os cidadáns do Morrazo.

Comentarios