Unha lexislatura inédita no Estado cun resultado agridoce para Galiza

Foi unha lexislatura extraordinaria, marcada por unhas circunstancias sanitarias inéditas, golpeada por unha crise económica que aínda non entrou na súa fase máis dura, condicionada por un endiañado escenario xeoestratéxico a nivel internacional e que deixou, no seu conxunto, un sabor agridoce na Galiza. Un novo período político cheo de retos para o país ábrese a partir das eleccións de 23 de xullo. Comeza a conta atrás.

Un pleno do Congreso nunha imaxe de arquivo (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Un pleno do Congreso nunha imaxe de arquivo (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

 As diversas derivadas da pandemia da Covid-19 pairaron sobre toda a lexislatura. Neste sentido, serviron para evidenciar as debilidades do sistema de saúde e de benestar da Galiza e do Estado, a fraxilidade dun modelo económico altamente dependente do sector servizos e cun complexo industrial débil e a falla de eficiencia da xestión centralizada, que provocou o desabastecemento de produtos sanitarios básicos nos primeiros momentos da crise sanitaria.

A caída da actividade económica provocada pola emerxencia sanitaria, o plan de rescate a grandes grupos empresariais privados formalizado a través do programa Next Generation e a crise de prezos xeraron un escenario moi complexo, cuxas consecuencias máis duras están, segundo os economistas, por vir.

O 20 de decembro de 2021 consumábase o gran fito, en materia de infraestruturas, da lexislatura que remata, coa chegada a Ourense dun tren AVE procedente de Madrid. Porén, a liña acumulaba un atraso de máis dunha década en relación cos prazos inicialmente fixados, ficando sen resolver, aínda, aspectos fundamentais relacionados coa alta velocidade na Galiza. Faltan as conexións dos principias núcleos de poboación do país e mais con Portugal, a coñecida saída sur, a través de Vigo, actuación que ficou en fase de estudo informativo e non contou coa dotación necesaria nos orzamentos do Estado.

A rede ferroviaria

As principais deficiencias da rede ferroviaria galega non foron atendidas. Neste sentido, as contas públicas non recolleron partidas para pór en marcha un servizo de proximidade nas principais áreas de poboación da Galiza, unha das poucas comunidades do Estado que carece desta prestación. A este respecto, a política de abonos gratuítos para persoas usuarias recorrentes evidenciou que existe demanda, pois, coas viaxes de balde aprobadas polo Goberno estatal, as galegas e galegos duplicaron o uso do tren. Tampouco se acometeron as actuacións pendentes na liña A CoruñaFerrol e nos tramos de Lugo, nin se interveu para reverter o esmorecemento da vía de conexión entre Ferrol e Ribadeo.

Por outra parte, as estradas de competencia estatal en proxecto ou execución non rexistraron avances. Así, entre as primeiras, sinálase a autovía A-74, de Barreiros a Cervo, na comarca da Mariña, en previsión desde 2010 e a A-76, na comarca da Ribeira Sacra. A respecto das segundas, destaca a vía de conexión entre Lugo e Compostela, a denominada A-54, cuxos tramos en construción na comarca da Ulloa e de Arzúa non cumpren os prazos de remate previstos. Neste escenario, sitúanse as actuacións para pór de novo en funcionamento a ponte do Castro na A-6, tras o seu derrubamento en 2022.

A rebaixa de peaxes na AP-9 foi un dos grandes éxitos no ámbito da mobilidade neste período. Malia que a solución finalmente adoptada polo Goberno de Pedro Sánchez non respondía en todo o seu alcance ao acordado co BNG no seu pacto de investidura, recollía unha importante redución nos seus custos para as persoas usuarias, mediante un paquete de bonificacións fixadas nos diversos orzamentos. Aínda así, fica pendente a recuperación da concesión, cuxa legalidade cuestiona a Comisión Europea, e a transferencia da súa titularidade a Galiza.

O traspaso da competencia da citada autoestrada a Galiza volveu ficar pendente unha lexislatura máis. O acordo unánime do Parlamento de reclamar ao Executivo estatal esta vía chave para a articulación territorial do país non saíu adiante, como consecuencia das dilacións promovidas desde o Goberno, e do cambio de posición dos deputados socialistas, que mantiveron nas Cortes unha proposta distinta á defendida na Cámara galega. Neste sentido, a cesión da titularidade desta autoestrada á Galiza está recollida nos programas das principais forzas políticas galegas de cara aos comicios de 23 de xullo.

A única competencia transferida polo Estado á Xunta da Galiza desde 2009 é a xestión do tributo dos residuos, pois Alberto Núñez Feixoo non negociou o traspaso de ningunha competencia nos seus 13 anos á fronte do Goberno galego. De feito, prescindiu de continuar a tramitación daquelas acordadas en 2008 pola Xunta da Galiza e o Goberno do Estado referidas á Inspección de Traballo, á titularidade patrimonial dos bens da Tesourería da Seguridade Social ou aos centros de investigación do Estado con sede na Galiza. Nesta liña, explícase o desigual desenvolvemento do marco competencial catalán, galego e vasco.

Políticas sociais

As políticas de dereitos sociais e civís foron obxecto de intensas discusións durante esta lexislatura. Ao paquete extraordinario de medidas impulsado polo Executivo estatal nos diferentes períodos da pandemia, sumáronse a aprobación de diversos corpos lexislativos en materia laboral, fiscal e de pensións. Neste caso, algunhas das medidas reverteron a normativa aprobada polos Executivos de Mariano Raxoi, contando, na totalidade dos casos, co aval da Comisión Europea, que continuou a ser o órgano reitor do Estado en materia económica.

O Goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos presentou como un dos seus grandes logros a nova lexislación laboral que derrogaba a aprobada por Mariano Raxoi, que contou co apoio da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), de Comisións Obreiras (CCOO) e da Unión Xeral de Traballadores (UXT), sendo rexeitada polas organización sindicais nacionalistas, que a consideraron continuísta coa normativa anterior. A proposta, impulsada desde Bruxelas, está, actualmente, apoiada polo PP.

O Executivo situou como exemplo do seu compromiso social a alza das pensións e do salario mínimo interprofesional (SMI). As primeiras revalorizáronse conforme a suba do Índice de prezos ao Consumo (IPC), rachando coa tendencia da etapa dos populares, marcando, tamén, incrementos o SMI. Aínda así, estas medidas non serviron para impedir a caída do poder adquisitivo, que alcanzou uns niveis moi elevados no marco dunha gran suba dos beneficios empresariais, que explica o groso da inflación xerada desde 2021.

A Lei de Seguridade Cidadá aprobada polo Executivo de Raxoi segue vixente. A norma, socialmente coñecida como Lei mordaza, mantívose polo apoio do PP e pola negativa do PSOE a mudar os seus aspectos centrais, cuestión que provocou as críticas dos seus socios de Goberno e dos seus parceiros de investidura. Precisamente, estes últimos e o movemento memorialista criticaron o alcance da reforma da Lei da Memoria Democrática, por non derrogar a Lei de Amnistía do ano 1977, que blinda
os represores.

A vindeira lexislatura

As vindeiras Cortes deberán abordar cuestións chaves para Galiza en diversos ámbitos. Entre estes, destacan a transferencia da AP-9, a consecución de novas competencias cuxo traspaso se demora desde comezos dos anos 80, a mellora da rede de transportes interna por estrada e por ferrocarril, o impulso a unha transición enerxética xusta e o incremento de fondos para políticas sociais e emprego. A resolución destas cuestións requirirá dun maior compromiso orzamentario por parte do Estado e da execución efectiva das partidas destinadas a Galiza nas contas públicas.

O investimento recollido nos presupostos estatais destes catro últimos anos situouse moi por baixo do máximo de 2.000 millóns orzados en 2008. A contía destinada a Galiza en 2021 ficou en 832 millóns de euros; en 2022, en 1.074 millóns e en 2023, en 1.073 millóns Porén, unha parte significativa destas cantidades non chegaron a executarse. Segundo a Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE) ficaron sen investir no país 254 millóns orzados no exercicio de 2021, último ano con datos.

A xestión da crise na perspectiva do retorno ás políticas da austeridade decretadas pola Unión Europea será un aspecto central na vindeira lexislatura. A disxuntiva situarase entre aquelas forzas defensoras dos criterios do Plan de estabilidade e crecemento (PEC), cuxa aplicación só será posíbel a través de recortes, e aqueloutras que apostan por un modelo non suxeito ao dogma neoliberal.

Ademais, o Estado ten pendente desde 2014 a aprobación dun novo modelo de financiamento autonómico. Neste debate, Galiza xógase contar con fondos suficientes para os seus servizos públicos, tras anos cun sistema que colocou o país nos postos de cola do Estado. A este respecto, o economista Xosé Díaz sinala que en 2020, último ano con datos, Galiza perdeu 3.994 millóns co sistema vixente.

Comentarios