Leiceaga reivindica o autonomismo e chama a Galiza "nacionalidade histórica global"

Na oferenda floral a Castelao de todos os 25 de xullos en Rianxo, o candidato do PSdeG quixo colocarse no centro entre o centralismo do PP e as "tentacións insolidarias" que identifica no nacionalismo.

Leiceaga no Día da Patria Galega 2016
photo_camera Leicega, en Rianxo

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta facturou un discurso desacomplexadamente autonomista no acto de oferenda floral a Castelao. Mesturou sen problemas a reivindicación da figura do pai fundador do nacionalismo moderno galego, líder canda Bóveda do Partido Galeguista, co tributo á memoria de Ceferino Díaz, o principal referente da corrente galeguista do PSdeG-PSOE. Nesa dirección ligou dous eventos certamente distantes no tempo e no contexto histórico, a conquista do Estatuto de 1936 -que atribuíu a Castelao- e o proceso de elaboración do actualmente vixente, cuxa paternidade en parte reclamou para o PSdeG.

A súa aposta autonomista levou a Leiceaga a criticar Feijóo por non ter conseguido "nen unha soa competencia" nos seus sete anos de xestión. Bateu tamén no presidente da Xunta por ter "minimizado" a lingua galega na procura de "réditos eleitorais", ao tempo que puxo en valor a súa visión da Galiza como unha "nacionalidade histórica global" con presenza "nos cinco continentes", en alusión á Galiza da diáspora.

Leiceaga criticou o legado dos 7 anos de goberno Feijóo, que considerou piores dos que o período Fraga, e lamentou que a dereita centralista gobernase Galiza "durante o 80 por cento do tempo democracia". Contrastivamente, reivindicou o balanzo dos gobernos tripartito que liderou González Laxe e bipartito que encabezou Touriño.

Comentarios