Leiceaga refusa facer parte da xestora do PSdeG

O portavoz parlamentar socialista apvoga por un congreso da formación “canto antes”.

Xoaquín Fernández Leiceaga
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga

Xoaquín Fernández Leiceaga descarta facer parte da xestora galega, descartando así a proposta auspiciada polo alcalde vigués, Abel Caballero, que está sobre a mesa de Ferraz e na que o portavoz parlamentar dos socialistas galegos era un dos nomes incluídos. Nunha entrevista na Cadena Ser, Leiceaga indica que de haber cambios na xestora galega “sería bo” que el non estivese e argumenta que o seu deber é centrarse no papel de portavoz do PSdeG na Cámara do Hórreo.

Neste sentido, di que normalmente o portavoz parlamentar non fai parte da Executiva, senón que asiste a ela, unha fórmula que lle parece máis acaída. A respecto do Congreso do PSdeG, é partidario de que este se realice “canto antes” pois entende que iso “é o mellor” para o partido.

Na entrevista Leiceaga dixo que asume as responsabilidades que lle tocan como candidato nos resultados dos socialistas galegos nas eleccións do pasado 25 de setembro, mais engade que el non ten a única responsabilidade. Recoñece que a lexislatura que vén de comezar preséntase interesante e apuntou a que en certas cuestións vai ser necesario procurar a sintonía entre todas as forzas. Puxo como exemplo o financiamento autonómico: “Vaise abrir un debate e Galiza ten que ter un posicionamento sólido, reforzado cun acordo parlamentar”.  

Comentarios