Leiceaga defende unha aplicación “moderada, proporcionada e limitada no tempo" do 155

“Moderada, proporcionada e limitada no tempo”. Esta é a proposta de aplicación do artigo 155 da constitución española que defende Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz parlamentar do PSdeG.

Xoaquín Fernández Leiceaga
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga

Preguntado polos medios en relación ao Consello de Ministros e antes de coñecer o alcance real das medidas adoptadas polo Goberno de Mariano Rajoy, co apoio do PSOE e de Ciudadanos, Leiceaga defendeu unha aplicación do artigo 155 da constitución española “moderada, proporcionada e limitada no tempo” e cuxo obxectivo pase por “restaurar o autogoberno de Catalunya na súa plenitude” e “no prazo de tempo o máis breve posíbel”.

O portavoz parlamentar do PSdeG asegurou “compartir” a opinión dos dirixentes do PSOE, partido que acordou, segundo informou Rajoy na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, destituír o Govern catalán, convocar eleccións no prazo de seis meses e baleirar de contido o Parlament.

Leiceaga lembrou que a aplicación do 155 é a medida prevista “para situación de extrema gravidade” como é, engadiu, a que se vive en Catalunya. “É a forma democrática e responsábel de resolver un problema que está fóra de todo o marco legal debido á actuación imprudente dos responsábeis da Generalitat”, agregou.

Comentarios