vídeo En directo

A Lei de amnistía sométese ao seu primeiro exame no Congreso: segue o debate ao vivo en 'Nós Diario'

Unha vez que previsibelmente se dea vía libre á lei para continuar o seu camiño parlamentario, a Mesa do Congreso abrirá un primeiro prazo para a presentación de emendas. O Grupo Socialista pediu que se tramite pola vía de urxencia, o que recortará todos os prazos á metade.

O Pleno do Congreso acolle esta terza feira o primeiro debate da proposición de Lei de Amnistía rexistrada polo PSOE e tamén decidirá sobre a creación das tres comisións de investigación que os socialistas aceptaron o pasado mes de agosto. Despois das sucesivas mobilizacións e a polarización dos discursos, no hemiciclo espérase un debate duro e as votacións calcúlanse máis alá de última hora da tarde.

Tras a súa cualificación por parte da Mesa do Congreso, co voto en contra o PP, a Lei de Amnistía publicouse no Boletín das Cortes e enviouse ao Goberno estatal para que dese a conformidade ao seu debate, xa que a constitución outorga ao Executivo a potestade de vetar a tramitación de iniciativas lexislativas que condicionen a súa política orzamentaria, sexa por aumento de gasto ou por diminución de ingresos.

O Goberno dispón de 30 días para pronunciarse, pero nesta ocasión sobráronlle 27 para comunicar ao Congreso a súa "conformidade" coa tramitación da devandita iniciativa. Tras lograr o aval do Goberno español, a Xunta de Portavoces decidiu programar o debate de toma en consideración da lei para esta terza feira, unha decisión á que se opuxeron tanto o PP como Vox.

Primeira lei da lexislatura

Exceptuando a reforma regulamentaria para regular o uso de linguas oficiais, a lei de amnistía será a primeira iniciativa lexislatura que se debata no Pleno do Congreso esta lexislatura. Aínda que á prensa presentouna o ministro Félix Bolaños, o encargado de defendela ante o Pleno será o portavoz do Grupo Socialista, Patxi López, e quen lle dará réplica polo PP será o xefe da oposición, Alberto Núñez Feixoo.

Ademais, os 'populares' pediron que a primeira votación sobre esta iniciativa se faga de viva voz, de maneira que todos os deputados socialistas “se retraten”. Así, desde a Mesa da Cámara irase chamando a todas as súas señorías para que, un a un, emitan o seu voto a viva voz desde o escano, de maneira que quede constancia verbal do sentido do voto polo que opta cada un.

Prazo de emendas

Unha vez que previsibelmente se dea vía libre á lei para continuar o seu camiño parlamentario, a Mesa do Congreso abrirá un primeiro prazo para a presentación de emendas. O Grupo Socialista pediu que se tramite pola vía de urxencia, o que recortará todos os prazos á metade.

As prórrogas de prazo dependen da vontade dos grupos parlamentarios. Os partidarios teñen a posibilidade de solicitar que a proposición se tramite por lectura única (co debate das emendas de totalidade e parciais nun só debate no Pleno sen pasar por relatorio nin comisión). De momento, esa opción, que permitiría deixar a norma aprobada no Congreso antes de fin de ano, non parece estar sobre a mesa.

Se finalmente non se solicita esta tramitación exprés, os grupos contan con que o Congreso habilite o mes de xaneiro -inhábil a efectos parlamentarios- para que a norma poida discutirse en relatorio e comisión.

Despois, ao Senado

Despois quedará o trámite no Senado, onde o PP ten maioría absoluta e está decidido a dilatar os prazos até o tope de dous meses que fixa a constitución. De aí volverá á Cámara Baixa para a súa aprobación definitiva e entrada en vigor, previsibelmente na primavera. Ademais, esta terza feira o Pleno tamén debaterá sobre a creación das comisións de investigación que os socialistas acordaron abrir.

Trátase de dúas investigacións rexistradas por Junts, xunto co PNV, relativas aos atentados que tiveron lugar en Barcelona e Cambrils (Tarragona) en agosto de 2017, e á 'operación Catalunya' que se achaca ao Goberno de Mariano Raxoi. Do seu lado, Esquerra (ERC) rexistrou, acompañado de BNG e Bildu, a relativa á espionaxe co programa ‘Pegasus’.

Comentarios