O PP segue sen dar pistas da data das eleccións e insiste en que só Rueda tomará a decisión

"Calquera compañeiro de partido, incluído o presidente Feixoo, poden facer suxestións, pero aquí non hai persoas que tomen máis decisións sobre se se acelera ou non que Alfonso Rueda", defende o parlamentario Alberto Pazos.
O portavoz do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos. (Foto: Europa Press)
photo_camera O portavoz do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos. (Foto: Europa Press)

O portavoz parlamentario do Partido Popular, Alberto Pazos, insistiu esta segunda feira en que será o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, quen tome a decisión sobre a data das eleccións galegas do vindeiro ano 2024. Nunha rolda de prensa na que foi preguntado sobre se a dirección estatal do partido influirá na data electoral, Pazos sostivo que "o único que aperta o paso ou o desacelera para esas eleccións" é o presidente galego.

"A partir de aí, calquera compañeiro de partido, incluído o presidente [Alberto Núñez] Feixoo, poden facer suxestións, pero aquí non hai persoas que tomen máis decisións sobre se se acelera ou non que Alfonso Rueda", manifestou.

Pazos sostivo que Rueda tomará a decisión coa "seguridade completa" de que o PPdeG "está absolutamente en forma e disposto a saír á rúa e a contarlle aos galegos as moitísimas razóns que lle asisten para pedirlles a confianza" fronte a unha alternativa que o "único que propón" son "unha chea de leas para Galiza".

Na súa intervención, ademais, dixo que as persoas que máis falan da data son as da "oposición" e mostrouse convencido de que "sexa cal sexa a data" algún membro da oposición "acertará". "Porque xa as dixeron todas", dixo, para mostrarse convencido tamén de que a estes partidos tampouco lles gustará o día elixido.

"A potestade absoluta é do presidente da Xunta e o que decida o presidente, ben decidido está", resolveu, nunha intervención na que sostivo que á oposición "estáselle facendo moi larga" a carreira cara ás urnas, mentres o Goberno galego está "centrado" en gobernar.

Comentarios