O BNG pedirá no Congreso o recoñecemento da incapacidade permanente coa diagnose de silicose

Segundo a regulación vixente, a silicose de primeiro grao non se considera enfermidade profesional que determine o recoñecemento dunha Incapacidade permanente e, para a organización nacionalista, esta situación debe mudar.
Néstor Rego, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego (Foto: Nós Diario)

Co obxectivo de que se recoñeza a incapacidade total das traballadoras diagnosticadas de silicose de primeiro grao e mesmo que se apliquen coeficientes redutores para as traballadoras en empresas de extracción e transformación da pedra -granito e lousa principalmente-, o Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno unha interpelación á nova ministra de Inclusión, Seguranza Social e Migracións, Elma Saiz.

Segundo a regulación vixente, a silicose de primeiro grao non se considera enfermidade profesional que determine o recoñecemento dunha Incapacidade permanente e, para a organización nacionalista, esta situación debe mudar. “A pesar de que existen distintas sentenzas xudiciais que recoñeceron a equiparación, a Seguranza Social segue sen recoñecelo de forma xeral, e obriga as persoas a recorrer á vía xudicial para logralo” denuncia o deputado do BNG, Néstor Rego.

Así mesmo, Rego demandará ao novo Goberno español que revise os actuais coeficientes redutores asignados de modo que se equiparen os das categorías da minería exterior (ao descuberto) cos da minería interior. “Débese estender ao subsector de transformación de mineral a asignación de coeficientes redutores para a idade de xubilación xa que os niveis de po e ruído son similares aos da industria extractiva” demanda.

O servizo ferroviario na Galiza

Por outra parte, o deputado do BNG intervirá na sesión de control ao Goberno cunha pregunta dirixida ao novo ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente, sobre “as medidas que vai adoptar o Goberno para pór fin aos retrasos continuados e incidencias varias nos servizos ferroviarios da Galiza”.

Unha situación caótica, explica Rego, que o Ministerio debe comprometerse a solucionar. “Hai que rematar cos recorrentes retrasos, incidencias, avarías e cancelacións de trens no Eixo Atlántico e nos servizos ferroviarios de Media Distancia na Galiza que están a prexudicar a mobilidade diaria de milleiros de galegos e galegas” demanda Rego.

Comentarios