Pedro Sánchez corrobora que o 'lawfare' existe no Estado español, coa 'Kitchen' como exemplo

O mandatario defende a amnistía e a figura do verificador.
Pedro Sánchez. (Foto: Christophe Gateau / DPA)
photo_camera Pedro Sánchez. (Foto: Christophe Gateau / DPA)

Na súa primeira entrevista logo de ser reelixido como presidente estatal no Congreso, Pedro Sánchez (PSOE), recoñeceu hoxe en Televisión Española que no Estado se produciron casos de lawfare, o uso do sistema xudicial para perseguir opoñentes políticos, e puxo como exemplo a operación ‘Kitchen’, lanzada baixo a Presidencia de Mariano Raxoi do Partido Popular.

As declaracións producíronse no marco da defensa do acordo entre a súa formación e Junts para a investidura, no que se incluíu este termo en referencia á persecución de persoas independentistas catalás por parte da Xustiza española, copada polos conservadores.

Amnistía

Ao tempo, reivindicou o Proxecto de lei orgánica de amnistía, que tamén beneficiará vítimas do lawfare, explicando que "non era o paso seguinte que quería dar, pero é un paso coherente e consecuente coa política de normalización e estabilización en Catalunya que afrontamos".

En virtude do pacto PSOE-Junts, o sábado decorrerá a primeira reunión bilateral para tratar o recoñecemento nacional de Catalunya e as limitacións do autogoberno, e que contará cun verificador internacional, unha figura que Sánchez avalou.

Poder Xudicial

Pola súa parte, o Consello Xeral do Poder Xudicial, que leva case cinco anos en funcións, aprobou un informe non vinculante no que cualifica como non idóneo para o cargo o fiscal xeral Álvaro García Ortiz, após anunciar o Goberno que repetiría no posto.

En última instancia, o Tribunal Supremo decidiu anular a designación de Magdalena Valerio como presidenta do Consello de Estado por non cumprir co requisito de tratarse dunha “xurista de recoñecido prestixio”. Valerio foi ministra de Traballo de Sánchez entre 2018 e 2020.

Comentarios