O PP leva ao Parlamento galego unha iniciativa para rexeitar a amnistía

Tamén pide rexeitar a  a existencia de 'lawfare' no Estado español.
Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).

O PP da Galiza rexistrou unha proposición non de lei (PNL) no Parlamento galego para negar a existencia de 'lawfare' ou de persecución xudicial por motivos ideolóxicos no Estado español, así como rexeitar a aprobación dunha lei de amnistía para os dirixentes do 'procés'.

A través dun comunicado, o Grupo Popular critica o recente acordo asinado entre o PSOE e Junts para a investidura de Pedro Sánchez, porque inclúe medidas "de difícil encaixe constitucional" e que "supoñen un ataque grave á separación de poderes e ao Estado de Dereito".

Ademais do 'lawfare', o PP refírese á lei de amnistía, que busca unha "revisión de resolucións xudiciais" a través do ámbito parlamentario.

De feito, esta medida foi rexeitada "por todas as asociacións de xuíces" e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), engaden os populares, polas referencias do texto ao 'lawfare'.

O PP buscará así no Parlamento galego, no que ten maioría absoluta, un pronunciamento contra todas estas cuestións incluídas no acordo de PSOE e Junts.

Comentarios