Laura Seara agarda 3 ou 4 candidat@s para a secretaría xeral do PSdG, "algunha muller"

A deputada no Congreso desminte calquera tensión con Ferraz após a convocatoria das primarias por parte de Pachi Vázquez e mostra o seu convencemento de que en Madrid "non van dicir que non"


A deputada do PSOE no Congreso d@s deputad@s, Laura Seara, agarda que sexan por volta de "tres ou catro" @s candidat@s que concorran ás primarias para escoller @ secretari@ xeral do PSdG e que entre os nomes haxa "algunha muller". "É o momento de dar un paso adiante, de que quen teña un proxecto o presente", completou a parlamentar, quen se descartou a si propia como candidata.

Así o manifestou esta segunda feira nunha entrevista concedida á Radio Galega á primeira hora da mañá en que defendeu a decisión do actual secretario xeral, Pachi Vázquez, de convocar unha "consulta directa á militancia" ao subliñar que "non podiamos seguir apostando por modelos de participación elitistas".

Seara considerou que o paso adiante de Vázquez foi "valente" e pronunciouse respecto do pulso que a Executiva galega lle tería botado a Madrid desouvindo a negativa de Ferraz a avalar a consulta. "Isto non é unha confrontación senón un modelo que o PSdG pón en marcha", dixo, recordando que recibiu máis do 90% dos apoios. Só dúas persoas votaron en contra e outras dez, entre elas José Blanco, abstivéronse.

"Ferraz non dirá que non, estou convencida"

Desmentiu as tensións das que da conta a imprensa insistindo unha e outra vez en que "as relacións con Ferraz son boas, non poden ser mellores" polo que mostrou o seu convencemento de que "non dirán que non" ás primarias.

Polo de agora só hai un nome confirmado para candidato, o presidente da Deputación de Lugo José Ramón Gómez Besteiro, quen anunciou a súa intención no propio Comité nacional que o PSdG celebrou esta fin de semana. Soan outros nomes como o do ex ministro de Xustiza Francisco Caamaño ou o do propio José Blanco, aínda que a candidatura deste último sería menos probábel ao ficar imputado na operación Campeón. O propio Pachi Vázquez non descartou que vaia concorrer para repetir no cargo e, segundo sinalou Laura Seara, saíu "moi reforzado" do Comité nacional xa que "está a pilotar este proceso dun xeito exemplar". 

Comentarios