Lara Méndez e Rubén Arroxo asinan 92 medidas conxuntas para Lugo

O pacto programático esténdese até 2027.
Rubén Arroxo e Lara Méndez na sinatura do pacto de Goberno. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rubén Arroxo e Lara Méndez na sinatura do pacto de Goberno. (Foto: Nós Diario)

Un acordo programático de 92 medidas para Lugo  é a base do pacto de Goberno entre o Partido Socialista e o BNG para a cidade até 2027. Un pacto que esta quinta feira escenificaron a alcaldesa e o tenente de alcalde en funcións, Lara Méndez (PSdeG) e Rubén Arroxo (BNG), coa sinatura do acordo.

Tanto socialistas como nacionalistas seguirán á fronte das mesmas áreas municipais que tiñan neste mandato que finaliza mañá. O acordo programático entre ambas as dúas formacións aposta por avanzar co actual modelo de cidade, apostando por un “urbanismo sostíbel”, dinamizar os barrios, fomentar o desenvolvemento económico e do emprego e apoiar o turismo de calidade, entre outras accións.

Lara Méndez e Rubén Arroxo teñen claro que as Administracións galegas e estatal deben cumprir os seus compromisos coa cidade. Así, no acordo sinálase que demandarán que se reforme o proxecto da Rolda Leste, que se constrúa vivenda pública na cidade, que se rehabilite o barrio medieval da Tinaría, ou que se cofinancie o saneamento e abastecemento do rural.

Comentarios