Jorquera di que haberá unha lista de unidade galega non dependente de forzas estatais

“Estou total e absolutamente convencido de que vai haber unha candidatura galega de unidade con todos aqueles que queiran participar nunha candidatura galega de unidade”. É a opinión do portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, en relación ao debate sobre candidaturas ás eleccións xerais.

Jorquera
photo_camera Jorquera

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, salientou nunha entrevista concedida á Cadena Ser, que vai haber unha candidatura galega de unidade “con todos aqueles que queiran participar”. Fixo alusión ás palabras de Martiño Noriega cando acusou o BNG de obstaculizar o proceso para chegar a unha candidatura unitaria por poñer 25 condicións sobre a mesa, “só puxemos unha:  unha candidatura galega”.

“Cando falamos de candidatura galega referímonos a que teña o centro de decisión en Galiza, que teña personalidade propia e que a representación que emane dela ten que actuar con criterios soberanos e independentes sen ningunha outra obediencia máis que os intereses de Galiza e coa aspiración de crear un grupo parlamentar propio en Madrid”, explicou o nacionalista.

Estase a favor dunha candidatura con personalidade propia, que non sexa apéndice dunha forza política estatal en Galiza e que a representación que se acade actúe de maneira soberana, si ou non?

Jorquera sinalou que o BNG traballa “con todo o ánimo construtivo do mundo”. De aí que salientara que se esforzará “até o último minuto” para configurar unha candidatura unitaria. Pero “é importante non chegar a marear: estase a favor dunha candidatura con personalidade propia, que non sexa apéndice dunha forza política estatal en Galiza e que a representación que se acade actúe de maneira soberana, si ou non?”, subliñou.

En relación á participación do Bloque nunha mesma candidatura con Podemos e EU, Jorquera puxo de manifesto que o BNG non estabelece exclusións e que está disposto a chegar a acordos con quen comparta as citadas premisas. Ademais, advertiu da importancia do previsíbel contexto sen maiorías absolutas e no que unha das cuestións vai ser o dereito dos pobos a decidir: “hai que aproveitar as posibilidades deste contexto para influír en que os dereitos e intereses de Galiza sexan recoñecidos”.

Preguntado pola xornalista respecto á posibilidade de que non haxa unha candidatura conxunta, Jorquera admitiu que “a día de hoxe, por desgraza, é a hipótese máis probábel, pero insisto en que vai haber unha candidatura galega de unidade nos parámetros que veño de citar si ou si”.

Comentarios